A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda compareceu hoxe para informar da situación tras a reunión do Plan Camgal

A Xunta urxe ao Goberno central a actuar xa no mar no marco das súas competencias exclusivas e tras máis dun mes de inacción ante o vertido de pellets en Portugal

Ángeles Vázquez subliña a importancia de interceptar os sacos antes da súa chegada ás praias porque unha vez que se abren, a recollida das partículas “é moi complicada”

Anuncia que onte, tras elevar a alerta ao nivel medio, dirixiuse por carta á vicepresidenta terceira, Teresa Ribera, para pedirlle todos os medios aéreos e mariños necesarios e poñer os recursos da Xunta á súa disposición para colaborar

Un dispositivo medioambiental integrado por máis de 200 persoas traballa hoxe na retirada deste material nunha trintena de praias pertencentes a 22 concellos nas que se ten constancia da presenza de pellets plásticos
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia urxiu hoxe ao Goberno central a actuar xa no mar, onde ten competencias exclusivas e, polo tanto, a obriga legal de intervir, co fin de frear a chegada de pellets plásticos á costa e cando se cumpre máis dun mes desde que o mercante polaco Toconao perdera en augas portuguesas seis contedores, un deles cargado con 1.000 sacos deste material.

Así o reclamou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu en rolda de prensa tras asistir á reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Tras subliñar que hoxe “se cumpre un mes e dous días” de que o Goberno central tivera coñecemento oficial do incidente a través das autoridades portuguesas, Ángeles Vázquez lamentou que durante todo este tempo o traballo realizado por parte do Estado foi “nulo”.

“Agardamos que a partir de agora si se poñan a actuar onde teñen que actuar, que é alí onde teñen competencias exclusivas: no mar e sobre aqueles residuos que veñan do mar cara á terra”, declarou.

Neste sentido, a vicepresidenta subliñou a importancia de interceptar os sacos antes da súa chegada ás praias porque unha vez que se abren e chegan á costa de forma dispersa, a recollida das partículas “é moi complicada” debido ao seu reducido tamaño.

Así e unha vez que a Xunta elevou o nivel de alerta do Plan Camgal do 1 ao 2 (nivel medio), Ángeles Vázquez explicou que onte mesmo se dirixiu por carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para notificarlle a decisión adoptada sobre o Camgal e pedirlle, á vez, que despregue todos os medios necesarios en Galicia para actuar desde o mar.

Tal e como recalcou a responsable autonómica, a prioridade do Goberno central agora debe ser a busca do material que levaba o mercante desde o propio mar, “onde ten competencia” e sigue habendo “sacos á deriva” que non deben chegar á costa.

Por iso, reclamou que mobilice “medios por aire” para poder avistar os que estean a flote e tamén “os barcos necesarios” para interceptalos antes de que rompan, poñendo á disposición do Ministerio os recursos da Xunta para colaborar e servir de apoio no ámbito marítimo.

En todo caso, a vicepresidenta lamentou o tempo perdido e as constantes “escusas” nas que se amparou o Goberno central para xustificar a súa inacción ante o vertido de pellets plásticos que afecta ás costas galegas desde a semana pasada.

Así, lembrou que “a primeira” foi negarse a informar da notificación recibida de Portugal en decembro porque “segundo recoñeceu a vicepresidenta Ribera, entendían que non era perigoso” e “non tiveron a ben comunicalo”; e despois, a esixencia á Xunta de “elevar ao nivel 2” o Plan territorial anticontaminación como escusa para atrasar a súa intervención e nun ámbito onde ten a “exclusividade da competencia”.

“Cada partícula que chegou á costa galega ten un culpable: o Ministerio”, declarou Vázquez Mejuto, quen engadiu que se desde o “día 8 de decembro se puxera a traballar”, o material tería sido “interceptado” antes de tocar as praias e a situación hoxe sería diferente. “Xa non debería haber escusas”, considerou a vicepresidenta.

Unha semana de traballo nas praias

Fronte á actuación do Goberno central ante o incidente, a vicepresidenta puxo en valor o papel responsable da Xunta, que, segundo recordou, “leva 7 días traballando”. Por iso, eloxiou o labor dos traballadores de medios propios da Xunta que integran o dispositivo medioambiental despregado desde a fin de semana nas praias, integrado por máis de 200 persoas e que se sigue reforzando, coa incorporación progresiva de 100 traballadores máis ata acadar os 300 efectivos.

En concreto e con relación ao operativo de hoxe, cómpre indicar que as brigadas da Xunta están a intervir, en quendas de mañá e tarde, en preto dunha trintena de praias pertencentes a 22 concellos e nas que se tiña constancia da presenza de pellets.

Por último, a vicepresidenta asegurou que o Goberno galego seguirá traballando “con seriedade e en coordinación” cos concellos co obxectivo prioritario de recoller todo o plástico que haxa nas praias galegas, para o cal xa se estableceu un protocolo de retirada e eliminación destes residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2024