A Xunta convoca os cursos selectivos para promocionar a distintas categorías nos corpos de Policía Local

Segundo publica o Diario Oficial de Galicia, desenvolveranse de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública ao longo de febreiro e marzo

Hoxe faise pública tamén a convocatoria dunha acción formativa selectiva para vixiante municipal

Compartir
  • whatsapp

A Estrada (Pontevedra), 26 de xaneiro de 2024

A Xunta abre a convocatoria dos cursos selectivos para 16 aspirantes a promocionar a distintas categorías nos corpos de Policía Local, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Trátase de accións formativas obrigatorias nos procesos selectivos para poder tomar posesión como funcionarios de carreira nos rangos de oficial, inspector ou inspector principal.

Nos respectivos cursos o alumnado formarase durante 250 horas de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) do 6 de febreiro ao 27 de marzo. A programación prevista inclúe módulos de contido operativo, xurídico, técnico, administrativo e de comunicación, así como práctico.

Rematada a formación, dez persoas aspirantes á categoría de oficial exercerán nos concellos de Ames, Burela, Caldas de Reis, Gondomar, Moaña, Noia, Ponteareas, Pontevedra, Ribeira e Teo. Pola súa banda, os aspirantes a inspectores tomarán posesión en Baiona, Ribeira e Vigo, e outros tres aspirantes a inspectores principais farano na Coruña e en Ourense. As solicitudes de inscrición deben ser remitidas polas administracións locais a través dun escrito á Agasp para a reserva das correspondentes prazas.

O Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe un curso selectivo para ocupar unha praza de vixiante municipal no concello de Rábade, dirixido ás persoas que superasen as probas de acceso nesta categoría. A formación será de carácter presencial ao longo de febreiro, cunha duración de 100 horas nas que se abordarán contidos xurídicos, técnicos, operativos e transversais.  

Nova promoción de policía local

O alumnado destas accións formativas coincidirá durante un tempo cos máis dun cento de aspirantes á categoría de policía, na escala básica dos corpos de policía local, da décimo sexta promoción, cuxo curso selectivo convocado o pasado día 13 se desenvolverá a partir de febreiro e ata outubro. Neste caso a duración é de 1.400 horas lectivas, 900 delas na Agasp e 500 de prácticas nos respectivos concellos.

Destes aspirantes, 89 proceden dos concellos adheridos á convocatoria unificada. A meirande parte son da Coruña, con 30 aspirantes, mentres que as cidades de Vigo e Lugo contan con nove aspirantes cada unha delas, Padrón con catro e Carballo con tres. Os 34 restantes distribúense entre Ames, Baiona, Bergondo, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Muxía, Narón, Noia, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa, con unha ou dúas prazas.

A maiores incorporarase alumnado dos concellos das Pontes de García Rodríguez, Culleredo, Oleiros, Sarria, Monforte de Lemos e Cambados. Trátase de localidades que non están adheridas á convocatoria unificada pero que teñen os procesos selectivos en marcha e xa reservaron praza no curso.