Os produtos da empresa familiar Patatas Gándara contan xa co certificado de Galicia Calidade

Ana Méndez, xerente do organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, visitou hoxe as instalacións da empresa, onde puxo en valor a calidade no proceso de produción e distribución dos seus produtos

Vilar de Santos (Ourense), 26 de xaneiro de 2024

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, con validez para os próximos trinta anos, aos responsables da empresa Patatas Gándara, nun acto que se desenvolveu nas instalacións da factoría, situadas en Vilar de Santos (Ourense).

Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía Industria e Innovación, detallou que a obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica nas súas fachadas ás empresas adheridas a Galicia Calidade, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Patatas Gándara empezou a súa andaina no ano 1978, coa adquisición dun vehículo industrial para a comercialización da súa propia produción agrícola. Ao estar nunha zona con pataca dunha alta calidade, integráronse na IXP Pataca de Galicia, pasando por uns controis externos e internos da calidade do produto. Neste sentido, Ana Méndez salientou o compromiso da empresa cos seus clientes, ofrecendo un produto coa alta calidade requirida no mercado.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con preto de 170 empresas adheridas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024