A Xunta convoca as axudas para o fortalecemento e ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, apoia a creación e mellora de infraestruturas de investigación e de ensaio e experimentación co obxectivo de potenciar a súa excelencia, reforzar a transferencia cara ao tecido produtivo e xerar capacidades nos ámbitos de especialización de Galicia

A convocatoria, dotada con 10 millóns de euros, prevé un apoio máximo por centro de 4 millóns e unha intensidade da axuda de ata o 50%
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria para apoiar a excelencia, fortalecemento e ampliación dos centros tecnolóxicos, á que se destinará un total de 10 millóns de euros en 2024, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Esta liña de axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes pecha o 23 de febreiro, apoia a creación e mellora de infraestruturas de investigación e tecnolóxicas destinadas a actividades de ensaio e experimentación, cubrindo a adquisición de terreos e equipamento, a construción ou ampliación de edificación e activos inmateriais.

O obxectivo é que poidan contar con infraestruturas de investigación e tecnolóxicas de alta calidade para acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional. Así, estes apoios facilitarán o crecemento dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia potenciando a súa excelencia e reforzando as súas actividades de transferencia cara ao tecido produtivo, especialmente as pemes. Ademais, os proxectos deberán estar orientados á xeración de capacidades nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.

Cada solicitude deberá incluír un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que se propón e o acceso ás mesmas ten que estar aberto a varios usuarios de xeito transparente e non discriminatorio. A modalidade de participación pode ser individual ou coordinada entre dous ou máis centros se presentan sinerxías e complementariedades. Cada centro pode solicitar máis dunha axuda pero o importe total da axuda por centro non poderá superar os 4M€ e a intensidade dos apoios poderá chegar ao 50%.

Os centros tecnolóxicos ocupan unha posición destacada no ecosistema de I+D+i de Galicia, esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial. Pola súa maior proximidade ás empresas, actúan como ponte entre o coñecemento xerado e a súa aplicación en procesos, produtos e servizos empresariais. Ademais, son importantes impulsores da internacionalización e a excelencia internacional da I+D+i galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2024