Iníciase a toma de posesión dos médicos de familia de atención primaria seleccionados no proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos

Resultan seleccionados, con praza fixa sen exame, 42 profesionais médicos de familia de atención primaria, que xunto cos 64 facultativos especialistas de atención primaria que iniciaron onte a toma de posesión, permite incorporar a 106 médicos fixos en atención primaria

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar, no día de onte, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos 42 aspirantes seleccionados no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria. Dos seleccionados, 38 accederon pola quenda de acceso libre e 4 pola de discapacidade.

Os 42 destinos definitivos adxudicados, tanto en postos de médicos de centros de saúde como en postos de puntos de atención continuada para urxencias extrahospitalarias (PAC), na categoría de médico de familia de atención primaria, foron convocados dentro do proceso de estabilización no ano 2023 .

 

O prazo de toma de posesión é dun mes, polo que os seleccionados poderán incorporarse ao servizo activo dende hoxe día 30 de xaneiro ata o 29 de febreiro. Sen prexuízo da declaración de finalización do proceso selectivo, no suposto de situacións en que algún dos seleccionados non chegase a incorporarse á praza, cubrirase a baixa por orde de puntuación co aspirante incluído inmediatamente a continuación da relación de seleccionados.

 

Todos os aspirantes definitivamente seleccionados neste proceso están vinculados actualmente no Servizo Galego de Saúde, co que con este proceso se consegue a finalidade da Lei de estabilización, reducir a porcentaxe de persoal temporal no organismo ao acceder á praza fixa.

Esta incorporación de 42 médicos de familia de atención primaria, sumada a incorporación dos 64 facultativos especialistas de atención primaria que xa iniciaron o prazo de toma de posesión no día de onte, consegue incorporar 106 médicos de atención primaria con carácter fixo.

 

Con este proceso, complétase a estabilización por concurso de méritos na categoría de médico de familia. Previamente, incorporáronse o persoal de enfermería por concurso de méritos de estabilización, sendo Galicia a primeira nos procesos de estabilización.

 

Esta fin de semana, desenvolveranse exames en Silleda para 15 categorías profesionais, avanzando no proceso de estabilización de emprego no Servizo Galego de Saúde.

Data de actualización: 30/01/2024