A Xunta destaca o papel do inventario forestal continuo e do mercado voluntario do carbono de Galicia en Portugal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou na conferencia “Capital Natural – Desafios do Desenvolvimento Sustentável” celebrada na localidade portuguesa de Loulé

O Inventario Forestal Continuo, que xa presentou os seus primeiros resultados, facilita coñecer a dispoñibilidade real e potencial do recurso forestal para permitir a revalorización da superficie de coníferas e frondosas para aumentar a súa rendibilidade

Sobre o mercado voluntario do carbono, explicou que favorecerá compensando a da pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á súa redución ou secuestro

A maiores, falou da iniciativa da Xunta a partir deste 2024 para promover o emprego da madeira en novas construcións de iniciativa pública, utilizándoa en ata un 20% da súa estrutura
 

Loulé (Portugal), 2 de febreiro de 2024
Compartir
  • whatsapp

A director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe na conferencia “Capital Natural – Desafios do Desenvolvimento Sustentável”, celebrada na localidade portuguesa de Loulé, onde presentou aos asistentes o mercado de carbono no que traballa Galicia e o Inventario Forestal Continuo.

Na súa intervención, o director da Axencia Galega da Industria Forestal explicou a funcionalidade do Inventario Forestal de Galicia, do que xa se presentaron os primeiros resultados, e que facilita coñecer a dispoñibilidade real e potencial do recurso forestal. Isto, sinalou, permitirá revalorizar a superficie de coníferas e frondosas para aumentar a súa rendibilidade. E todo, engadiu, dentro dunha folla de ruta deseñada a través da planificación, recuperación e prevención, e que permitirán seguir impulsando a industria forestal-madeira de Galicia.

A Xunta, que colabora nesta iniciativa coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, impulsa este inventario para facer diagnoses adecuadas e constitúe, en consecuencia, unha ferramenta fundamental para a toma de decisións políticas públicas ou empresarias relacionadas co sector, que permitirá afondar no desenvolvemento sustentable do medio rural, a prol da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable.

O territorio galego conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas e a súa actividade forestal xera grandes oportunidades e valor. Neste senso, en Galicia realízase un aproveitamento anual de preto de 10 millóns de metros cúbicos ao ano (en España aprovéitanse 17 millóns de metros cúbicos en total), o que supón preto de 300 millóns de euros ao ano en facturación por venda de madeira.

Mercado de carbono

A maiores, Jacobo Aboal tamén falou do decreto que iniciou a súa tramitación a finais do 2023 e que regulará o Sistema de créditos de carbono da Xunta para iniciar a súa tramitación. Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio de Galicia, dirixido a organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que se queren responsabilizar da súa acción climática, compensando a súa pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono.

Polo tanto, permiten que as pequenas e medianas empresas poidan tamén compensar as súas emisións e contribuír na loita contra o cambio climático.

Impulso da madeira na construción

Unha das metodoloxías en desenvolvemento deste mercado de créditos de carbono poderase aliñar co fomento da madeira no eido da construción, sector no que cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático.

Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2.

Seguindo nesta liña, centrada na redución destas emisións, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir deste ano. Esta aposta consolídase coa convocatoria de 2 millóns de euros para incentivar a construción en madeira no ámbito privado.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 02/02/2024