A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos do río Xunco, no concello de Cervo

Os traballos estanse a desenvolver no percorrido do río polas parroquia San Román de Vilaestrofe, Sargadelos e Cervo

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que acada os 3,7 km

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Xunco, no concello de Cervo. 

Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos destes ríos ao seu paso polas parroquias de San Román de Vilaestrofe, Sargadelos e Cervo.

As actuacións desenvólvense en distintos treitos que suman unha lonxitude total que acada os 3,7 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2024