Os futuros nomes do deseño da moda galega demostran o seu talento nunha nova edición do desfile ‘Despunte’

A Escola da Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago organiza esta iniciativa na que se entregan máis de 7.000€ en premios

A cita celebrada na Cidade da Cultura conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e o tecido empresarial galego
 

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela organiza unha nova edición do desfile Despunte, unha iniciativa que reúne na Cidade da Cultura os futuros nomes do deseño da moda galega. Trátase dunha cita na que o centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades entrega máis de 7.000€ en premios e que conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e o tecido empresarial galego.

Por parte do Goberno galego, ao acto celebrado hoxe asistiron o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Ademais, contou coa participación de 43 novos talentos que demostraron o seu bo facer sobre a pasarela montada para a ocasión no Museo Centro Gaiás. En total, 157 looks froito do traballo do alumnado do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda, así como do Ciclo Superior de Xoiería Artística.

Un ano máis, a gala conta cun importante apoio institucional e empresarial. Así, o evento conta entre os seus patrocinadores coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través de Artesanía de Galicia e a Axencia Galega de Innovación, con Textil Lonia, Roberto Verino, Naf Naf Santiago, Aquelando Eventos, Signus Escovalor, Galicia de Moda, o Colexio Oficial de Xoiaría e González Almacén.

O obxectivo deste evento é amosarlle ao público o potencial e o talento dos deseñadores que se forman neste centro, así como da calidade dos seus traballos de fin de carreira. Para iso, ademais da gala, durante a mañá a escola Mestre Mateo tamén organizou unha xornada de talent recruitment para poñer en contacto o alumnado do centro público de estudos con compañías do sector interesadas en incorporar talento aos seus equipos. 

Ademais, como novidade nesta 12 edición e de xeito paralelo ao desfile, organizouse unha mostra cunha escolma dos tres mellores proxectos finais desenvolvidos no resto de especialidades impartidas neste centro educativo: Deseño de Produto, Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiería Artística.

Así mesmo, na organización e desenvolvemento da cita tamén participou o alumnado do Ciclo Superior de Fotografía, encargado de cubrir graficamente o evento, e o do Ciclo Formativo de Imaxe Persoal do Centro Integrado de FP Someso, que colaborou co peiteado e maquillaxe dos modelos.

Data de actualización: 29/02/2024