A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá á xerente do restaurante Casa Pena, Laura Canosa, beneficiaria dun destes incentivos

Preto de 300 autónomos de Ferrol, Eume e Ortegal beneficiáronse o ano pasado dun millón de euros en axudas concedidas polo Goberno galego

A Xunta ten aberto o prazo de solicitude das convocatorias do Bono Autónomo e o programa Xempre Autónomo que suman un orzamento conxunto de 20 M€ para apoiar investimentos para a consolidación de negocios e novas altas

Moeche (A Coruña), 9 de marzo de 2023

Un total de 282 traballadores autónomos dos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal beneficiáronse o pasado ano do preto dun millón de euros en axudas concedidas pola Xunta de Galicia nesta zona ao abeiro das convocatorias Bono Autónomo e Xempre Autónomo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ás que este ano o Goberno galego destina 20 M€.

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, coñeceu esta mañá a experiencia dunha das beneficiarias do Bono Autónomo, Laura Canosa, xerente do restaurante Casa Pena que, con cargo a unha achega de 3.000 euros, adquiriu novo equipamento para a cociña do seu negocio, concretamente un forno.

Este programa ten por obxectivo apoiar a consolidación das autónomas e autónomos que leven como mínimo 42 meses de actividade empresarial con axudas do 80 % do investimento cun importe máximo de 3.000 euros, dirixidas á realización de investimentos para a mellora da competitividade como a adquisición de maquinaria, enxoval ou ferramentas, equipos informáticos, rótulos, reforma de local, novas instalacións para a mellora da eficiencia enerxética, investimento para o relevo de combustibles fósiles ou desenvolvemento de aplicacións informáticas e páxinas web.

O Bono Autónomo conta este ano cun orzamento de 8 M€ co que poderán financiarse os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2023 e ata o final do prazo de presentación de solicitudes, o 29 de setembro.

 
 

Xempre Autónomo

Aneiros lembrou que, xunto esta convocatoria, tamén está aberta a de Xempre Autónomo, cun investimento de 12 M€, co que o Goberno galego apoia as novas altas neste réxime. Son axudas cunha contía base de 2.000 euros que poden chegar aos 4.000 para persoas desempregadas menores de 30 anos, parados de larga duración, persoas con discapacidade e, como novidade este ano, maiores de 55 anos. Estes importes poderán incrementarse nun 25 % se os beneficiarios son, entre outras casuísticas, mulleres maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou estranxeiros, se o centro de traballo está situado nun municipio rural ou a actividade empresarial é unha profesión nas que as mulleres están subrepresentadas.

Para acceder a estes apoios, os solicitantes deberán estar dados de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.

“O emprego autónomo é unha prioridade para a Xunta, mostra diso son os preto de 60 millóns de investimento nas partidas habilitadas este ano para as persoas traballadoras por conta propia en Galicia, 20 M€ só entre o Bono Autónomo e programa Xempre Autónomo pero ás que se suman outras convocatorias como o Impacto Autónomo (30 M€) que tivo unha gran acollida”, indicou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023