SÍMBOLOS DE GALICIA

A bandeira

A bandeira galega disponse en tres módulos de longo por dous de ancho. O matiz de azul da banda é xeralmente celeste subido ou cobalto claro. Esta é a bandeira nacional civil. A chamada do Estado, que é a que debe figurar nos actos oficiais, consta ademais do escudo nacional no centro.

A bandeira de Galicia é, segundo recolle o artigo 6 do Estatuto de Autonomía, "branca cunha banda diagonal de cor azul que a travesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito".

Desde as orixes da civilización humana, e como característica universal, xorden as bandeiras. A súa aparición e evolución está ligada ao espírito bélico. Pronto serviu para identificar e diferenciar durante o combate aos exércitos. O que comezou sendo un costume dos pobos orientais, deseguida se espallou a Occidente.

Se o século XVII se caracterizou por un emprego basicamente bélico da bandeira, o XVIII supuxo o nacemento desta como símbolo nacional. Este uso das bandeiras para denotar e reflectir unha idea política reforzouse coa Revolución Francesa. O XIX foi o século da bandeira como representación político-ideolóxica. O XX chegou a ser denominado "o século das bandeiras", debido ao grande uso deste tipo de símbolos.

Durante a Idade Media os soldados galegos agrupáronse baixo "señas", "estandartes" ou "pendóns" que non simbolizaban o reino galaico. As súas cores mesmo podían variar dun xefe a outro, aínda que existía certa persistencia do branco.

A partires do século XVII a bandeira galega comezou a aparecer nas publicacións imitando ao escudo: Branca, co copón amarelo no centro, rodeado de seis cruces recortadas.

Non hai testemuños que proben a existencia da actual bandeira con anterioridade ao século XX. A actual bandeira branca con banda azul provén da que tiña a Comandancia da Mariña da Coruña. Primeiro foi adoptada polos emigrantes e máis tarde asumida pola Galicia peninsular.