O GOBERNO DE GALICIA

A Xunta de Galicia

A Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía, aprobado en 1981, como órgano colexiado do Goberno de Galicia. Na actualidade, a Xunta está composta polo presidente e once conselleiros/as. A comunidade exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e dos seus entes e órganos dependentes.

Correspóndelle á Xunta aprobar os regulamentos xerais dos seus propios tributos e elaborar as normas regulamentarias precisas para xestionar os impostos estatais cedidos de acordo cos termos desta cesión e a elaboración e aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia, que deben ser examinados polo Parlamento.

A Xunta tamén se encarga de coordinar a actividade das Deputacións Provinciais do seu territorio naquilo que afecte dun xeito directo ao interese xeral de Galicia, e para iso unirá os orzamentos que elas elaboren de seu. Así mesmo, poderá encomendar a execución dos seus acordos ás devanditas deputacións, que serán as encargadas de levar a cabo as funcións transferidas polo Executivo autonómico.

A Comunidade ten tamén unha serie de competencias exclusivas, entre as que se atopan aquelas referidas á organización das súas institucións de autogoberno e das comarcas e parroquias rurais como entidades propias de Galicia; ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda, actuacións en relación ás institucións do Dereito Civil galego; normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico Dereito galego ou da organización dos poderes públicos; obras públicas; vías férreas, estradas e transporte; portos e aeroportos; aproveitamentos forestais, hidráulicos e relativos á enerxía eléctrica; augas minerais e termais; pesca nas rías e augas interiores; feiras e mercados; artesanía, patrimonio artístico, bibliotecas, museos, conservatorios de música e servizos de Belas Artes; fomento da cultura e da investigación; promoción e ensino da lingua galega, do turismo e do deporte; asistencia social, creación dunha Policía Autonómica; réxime das fundacións; casinos, xogos e apostas; centros de contratación de mercancías e valores; confrarías de pescadores e distintas cámaras e normas adicionais sobre a protección do medio ambiente.

A Presidencia da Xunta de Galicia e mailo Concello de Santiago comparten sede oficial no Pazo de Raxoi, construción neoclásica sita na praza do Obradoiro. Os edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro acollen na actualidade as diferentes consellarías.

Dende o ano 1978, no que se deron os primeiros pasos do actual goberno galego, ata a a actualidade, a Xunta de Galicia tivo sete presidentes.