Primeiro acceso
No formulario de alta é necesario incluír un número de teléfono móbil no que, ao completar a alta, recibirá unha mensaxe de texto cunha clave de acceso provisional.
A continuación deberá acceder ao apartado "A miña sede" da sede electrónica da Xunta de Galicia e introducir o seu NIF e esa clave provisional.
O sistema pediralle que escriba e repita unha nova clave, que a partir dese momento será a súa clave de acceso persoal, e que terá que lembrar para futuros accesos.
Uso na sede electrónica
- Identificación: a sede electrónica ofrécelle a posibilidade de identificarse con certificado dixital/DNI electrónico, ou con Chave365. Se elixe esta última opción, ten que introducir o NIF e a clave de acceso persoal.
- Sinatura: no momento de proceder á sinatura dixital dun documento con Chave365 recibirá no seu móbil unha mensaxe cun código de sinatura dun só uso, específico para ese trámite, que terá validez para a sinatura dese documento.
Modificación da clave de acceso (contrasinal)
A clave de acceso ten que modificarse no primeiro acceso ao sistema e, como mínimo, unha vez ao ano, para ofrecer as garantías de seguridade axeitadas. Para modificar a clave acceda ao apartado "A miña sede" e siga os seguintes pasos:
- Introduza o seu NIF (DNI ou NIE) e clave de acceso. Se é a primeira vez que accede, debe introducir a clave provisional que recibiu por SMS. Se ten certificado electrónico instalado no navegador, tamén pode empregalo para acceder.
- Prema en "Os meus datos".
- Prema en "Cambiar contrasinal de Chave365".
- Introduza o contrasinal que recibiu por SMS (se é a primeira vez que accede) ou o seu contrasinal actual.
- Introduza un novo contrasinal. Debe ter como mínimo 6 díxitos, entre letras e números.
- Repita o novo contrasinal.
- Prema en “Gardar”: o seu contrasinal xa está modificado. A continuación peche o navegador e volva abrilo para seguir empregando a sede accedendo coa nova clave.