O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar visitou esta mañá os dous centros

A Xunta financia con máis de 60.000 euros a reforma das escolas infantís públicas autonómicas de Burela

Na escola dos Castros renovouse o sistema de calefacción, mentres na da Mariña está a mellorarse o illamento do edificio

Burela (Lugo), 29 de agosto de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do segundo tenente de alcalde e concelleiro de obras e benestar comunitario da localidade, Ramiro Fernández, e doutros membros da corporación, visitou esta mañá as escolas infantís públicas autonómicas Burela – Os Castros e Burela – A Mariña.

Estes dous centros benefícianse nos últimos meses de obras de mellora. A execución corre a cargo do Concello, mentres o Consorcio asume o seu financiamento mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que aboar a Administración local por este servizo: máis de 18.000 euros na EI Burela – Os Castros e por riba dos 43.000 euros na EI Burela – A Mariña. En total, máis de 60.000 euros.

No centro dos Castros renovouse o sistema de calefacción mediante aerotermia, para mellorar o aforro enerxético e dar solución ás avarías rexistradas o último inverno. Na escola da Mariña realízase unha obra de mellora da envolvente, substituíndo a carpintaría de aluminio do edificio destinado ás aulas de 2-3 anos: o máis exposto á radiación solar. Ademais, renóvanse as fachadas e o illamento.

Gratuidade 0-3 anos

Ambos centros reiniciarán a súa actividade en setembro coas súas instalacións renovadas. Será o terceiro curso coa gratuidade do 100% das escolas infantís galegas, tanto públicas como privadas ou de entidades sociais. Unha medida na que a Xunta de Galicia inviste 60 millóns de euros para poder chegar a máis de 32.000 familias e ofrecerlles un aforro anual medio de máis de 3.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2024