Rueda asiste á toma de posesión do novo presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago Louro
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá á toma de posesión do novo presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago Louro, de quen destacou a súa experiencia e coñecemento así como a súa extensa traxectoria profesional na que “demostrou ser un magnífico xuíz”.
“A ilusión, o claro que tiña que podía seguir aportando neste novo posto, a min déixame moi tranquilo”, ratificou o presidente durante o acto, no que fixo fincapé no papel fundamental deste organismo para garantir un marco xurídico sólido na comunidade e o bo funcionamento da Administración autonómica e local. Ademais, pediulle ao novo presidente que siga habendo “proactividade para facer propostas de asuntos que se poden mellorar na esfera das súas competencias”.
Rueda recoñeceu o rigor e a excelencia que caracteriza ao Consello Consultivo e asegurou que a Xunta seguirá a contar coa súa orientación nas cuestións preceptivas ou nas de especial transcendencia.
Finalmente, tamén tivo palabras de recoñecemento para o presidente saínte, José Luís Costa Pillado, que “fixo un magnífico traballo e dignificou o labor que aquí se fai”, concluíu.