Medio Rural e a Universidade de Santiago intensifican a súa colaboración en materia de formación práctica do alumnado
A conselleira María José Gómez e o reitor da USC, Antonio López, asinaron esta mañá en Lugo un convenio para potenciar esta cooperación institucional
Grazas a este acordo, os estudantes da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería poderán facer prácticas en centros dependentes da Consellería do Medio Rural para mellorar a súa formación
No convenio, que terá unha vixencia de catro anos, establécese que as prácticas poderán ser curriculares, extracurriculares ou complementarias e tamén conducentes á elaboración do traballos de fin de grao ou fin de máster
Lugo, 21 de novembro de 2024
A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) reforzarán a súa colaboración en materia formativa para facilitar a realización de prácticas por parte dos estudantes da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería en centros dependentes da Consellería do Medio Rural. A titular deste departamento, María José Gómez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron esta mañá o correspondente convenio para intensificar esta cooperación, que xa se viña mantendo, entre ambas institucións.
Neste acto, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira definiu a formación como “un dos eixos clave” do traballo de Medio Rural, para mellorar a competitividade do agro e para fomentar a remuda xeracional. Neste sentido, lembrou que o Plan de remuda que ultima o seu departamento pivota, precisamente, sobre a formación, así como sobre a incorporación e a sensibilización.
En virtude do convenio asinado hoxe, os alumnos da Facultade de Veterinaria da USC poderán facer prácticas nalgún dos seis centros de formación e experimentación agraria (CFEA) adscritos á Consellería (Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Becerreá e Sergude). Ademais, os estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñería poderán recibir formación práctica nas oficinas rurais e noutras dependencias de Medio Rural.
Contidos do acordo
No acordo, que terá unha vixencia de catro anos, establécese que as prácticas poderán ser curriculares, é dicir, contempladas nos plans de estudo, extracurriculares ou complementarias e tamén prácticas conducentes á elaboración do traballos de fin de grao ou fin de máster. Ademais, sinálase que a cada estudante seralle atribuído un titor académico.
A conselleira do Medio Rural sinalou, trala sinatura deste convenio, que con este tipo de iniciativas se reafirma a crenza da Xunta na formación teórica-práctica, fundamental para seguir garantindo un servizo profesional, por parte do colectivo veterinario, aos gandeiros. E engadiu que Galicia ten que seguir sendo unha referencia en Sanidade animal. Ademais, Gómez indicou que se trata tamén de seguir mellorando a atención que se presta aos agricultores, gandeiros e silvicultores por parte dos técnicos cualificados, como son os enxeñeiros agrícolas e forestais.