O DOG publica a resolución dos plans de mellora, incorporación de mozos, novos agricultores e pequenas explotacións, cun investimento de 45,9 M€
Estas achegas benefician 320 mozos (menores de 40 anos), 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos de idade) e 370 explotacións
Esta medida procura fomentar a remuda xeracional no agro, así como promover a mellora e modernización das explotacións, e intégrase no Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027
No conxunto do período 2016-2024 aprobáronse un total de 9.031 expedientes de axuda, por un importe global de máis de 369 millóns de euros
En termos xerais, Lugo vén sendo a provincia máis beneficiada por estas achegas e, por sectores, a maior parte dos fondos e dos expedientes aprobados corresponden ao vacún de leite e de carne, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria correspondente ao 2024 das axudas para plans de mellora, incorporación de mozos, novos agricultores e pequenas explotacións agrarias. Esta convocatoria conta cun investimento de 45,9 millóns de euros e beneficia 320 mozos (menores de 40 anos), 133 novos agricultores (de 41 a 55) e 370 explotacións.
Esta medida procura fomentar a remuda xeracional no agro, así como promover a mellora e modernización das explotacións. Intégrase no Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027, que ten novidades con respecto ás convocatorias anteriores, que foron financiadas con cargo ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Así, destacan as achegas para fomentar a incorporación de novos agricultores de 41 a 55 anos, unha liña que non existía anteriormente. Ademais, as subvencións para plans de mellora divídense entre as destinadas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático, uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal, por un lado, e aquelas orientadas a financiar investimentos en modernización ou mellora das explotacións, por outro.
No conxunto do período 2016-2024 aprobáronse un total de 9.031 expedientes de axuda, por un importe global de máis de 369 millóns de euros. En termos xerais, Lugo vén sendo a provincia máis beneficiada por estas achegas e, por sectores, a maior parte dos fondos e dos expedientes aprobados corresponden ao vacún de leite e de carne, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais.
De media, no período 2016-2023, a aprobación por convocatoria foi de 46,22 millóns de euros, polo que a convocatoria de 2024, que vai por conta do PEPAC 2023-2027, está neste rango de investimento medio anual.
Carácter plurianual e réxime de concorrencia competitiva
O carácter destas axudas segue sendo plurianual e dentro do réxime de concorrencia competitiva. Están dirixidas a titulares de explotacións agrarias (plans de mellora) e a persoas físicas que se vaian incorporar á actividade agraria (mozos e non mozos), que poden financiar todo tipo de investimentos, como a construción e a reforma de inmobles, a compra de maquinaria nova etc.
Os principais beneficiarios destas axudas son, loxicamente, os titulares das explotacións, tanto os de nova incorporación como os que xa as veñen xestionando, pero o seu alcance é maior, xa que benefician en xeral a todo o sector. Así, o fomento da remuda xeracional é fundamental para garantir a sustentabilidade social, económica e ambiental da actividade agrogandeira no seu conxunto e a mellora das explotacións incide tamén, de xeito positivo, na súa rendibilidade e competitividade. Polo tanto, os beneficios acadan o conxunto da sociedade, na medida en que o sector agrario é clave para a subministración de alimentos sans e seguros á poboación.
Ligazóns ás resolucións no DOG:
Plans de mellora:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0011_gl.html.
' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0010_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0010_gl.html">https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0010_gl.html.
' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0008_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0008_gl.html">https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0008_gl.html.
' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0007_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0007_gl.html">https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0007_gl.html.
Incorporación de mozos:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0009_gl.html.
Establecemento de novas persoas agricultoras:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0006_gl.html.