O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na presentación do ‘VI Informe Red Localis. A reforma inconclusa das competencias locais’
A Xunta aposta por unha nova Lei de Administración Local pioneira coa que adaptar as entidades locais á realidade e aos retos do século XXI
Diego Calvo lembrou que o informe presentado hoxe e a actualización da lei son algunhas das iniciativas da Cátedra de Bo Goberno local no marco do acordo coa Universidade de Vigo
O Goberno galego insta ao Executivo estatal a reformar tamén a súa lei modificando o sistema de financiamento local de maneira paralela á negociación do financiamento autonómico e pide que se lles permita ás entidades locais empregar os remanentes de 2024
O informe da Red Localis sinala precisamente a necesidade de avanzar na reforma tanto da normativa autonómica como estatal no ámbito local
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, na presentación do VI Informe Red Localis. A reforma inconclusa das competencias locais, no que se recolle que é fundamental avanzar na reforma da normativa autonómica e estatal. Nesta liña, destacou que a Xunta está a traballar na reforma da futura Lei de Administración Local de Galicia (Lalga), que segundo indicou, será un texto pioneiro que situará a Galicia á vangarda da normativa autonómica neste eido ao aportar ás entidades locais solucións para adaptalas á realidade e aos retos do século XXI tras os cambios dos case 30 anos de vixencia da norma actual.
A presentación do informe de hoxe enmárcase na cátedra institucional de Bo Goberno Local posta en marcha en 2022 entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora do grupo Red Localis. Por iso, Diego Calvo puxo en valor o traballo destes dous anos do equipo multidisciplinar que está a traballar na elaboración da lei, do que precisamente forman parte os codirectores de Red Localis, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero, presentes hoxe no acto.
Sobre a nova normativa, o conselleiro de Presidencia destacou que terá en conta as necesidades das zonas máis despoboadas, fomentará o teletraballo dos empregados públicos, apostará por entidades como as mancomunidades, incentivará os procesos de fusións municipais voluntarios e regulará o Fondo de Cooperación Local axudando aos concellos na súa autonomía financeira.
Ademais do traballo de colaboración coa Red Localis para avanzar neste texto, o Goberno galego traballa noutras medidas de xeito paralelo. Por exemplo, co estudo coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas sobre a racionalización da planta local e o impulso de novos procesos municipais do que o pasado setembro se presentaron as súas conclusións nun congreso. Tamén na comisión técnica constituída entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estanse a analizar os estudos previos de ambas institucións coa finalidade de chegar a acordos sobre a clarificación de competencias das administracións autonómica e local.
As conclusións de todos estes estudos e traballos sobre o marco xurídico local levados a cabo nos últimos anos tivéronse en conta na redacción do borrador da lei.
Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia incidiu na necesidade de modificar o sistema de financiamento local que -aclarou- debe negociarse de xeito paralelo ao sistema de financiamento autonómico que se aborde coas comunidades e que, no caso de Galicia, debe ter en conta o envellecemento e a dispersión xeográfica da poboación. Tamén reclamou ao Executivo estatal que permita aos concellos investir o supéravit de 2024 nos servizos que consideren máis prioritarios para paliar os problemas de financiamento.
Mentres e para compensar eses desfases e garantir a suficiencia financeira das entidades locais, a Xunta reafirma o seu compromiso cos concellos cunha achega histórica en 2025 de 644 millóns de euros. Nesa contía inclúense os 168 millóns do Fondo de Cooperación Local (FCL) que, como novidade, recolle un incremento no financiamento dos municipios de menos de 15.000 habitantes con 5,4 millóns do fondo base. O compromiso do Goberno galego co eido local tamén se reflicte nos 700 proxectos nos que colaborou a través da Dirección Xeral de Administración Local o ano pasado cun investimento de 32 millóns de euros.
VI Informe Red Localis
O VI Informe Red Localis analiza a evolución das facendas locais en España en España tras unha década da Lei estatal de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local e conclúe se precisa unha reforma do financiamento local para garantir a suficiencia de recursos e autonomía financeira, así como a necesidade de modificar o sistema de financiamento autonómico e local. Nesta liña, o texto recolle que existe un problema de financiamento para exercer as competencias, agravado pola dispersión e envellecemento da poboación que encarece o custo da prestación de servizos.
Como medidas de cara ao futuro, o documento sinala que é fundamental avanzar na normativa autonómica e estatal no ámbito local e implantar fórmulas innovadoras de colaboración entre concellos e de redimensión da planta local. Nesta liña, apóstase polo reforzo do papel das deputacións, un réxime xurídico para os pequenos municipios e apostar nos concellos pola transformación dixital.