A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe por videoconferencia na XIII Conferencia Sectorial da Inmigración

A Xunta rexeita o acordo bilateral do Goberno central con Cataluña respecto as competencias en materia migratoria

Fabiola García advirte que este acordo xera desigualdades entre comunidades e lamenta a falta de información sobre o mesmo

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou hoxe o seu rexeitamento ao acordo bilateral do Goberno central con Cataluña para delegar as competencias en materia migratoria a esta comunidade. Fíxoo tras participar por videoconferencia na XIII Conferencia Sectorial da Inmigración, xunto co director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

Na súa quenda de palabra, Fabiola García sinalou que esta delegación de competencias xera desigualdades entre Comunidades Autónomas. Ademais, criticou que o Goberno central non facilitara máis información sobre este acordo, que se incorporou a última hora na orde do día e que non foi tratado previamente na reunión preparatoria da Conferencia.

A conselleira lamentou que, unha vez máis, as Comunidades Autónomas teñan que coñecer pola prensa as medidas que impulsa o Goberno central en temas tan sensibles como é, neste caso, a acollida a persoas migrantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2025