A Xunta capturou máis de 40.000 raíñas de vespa velutina en niños primarios mediante o trampeo e xa colocou máis da metade das 20.000 trampas previstas
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe no Parlamento galego os puntos prioritarios de actuación, que se enfoca no trampeo planificado, selectivo e xeolocalizado, a actuación sobre os niños primarios, a captura de raíñas e a formación de profesionais e da cidadanía
O ano pasado implantouse un plan de choque debido ao aumento de avisos rexistrados en 2023, que rematou coa captura de máis de 113.000 raíñas, a instalación de máis de 20.500 trampas en 261 concellos e a eliminación ou neutralización de máis de 18.700 niños por toda Galicia
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe no Parlamento os avances no plan de choque para evitar a expansión da vespa velutina, co que xa se capturaron no que vai de ano máis de 40.000 raíñas desta especie e se instalaron máis de 11.000 trampas das 20.000 programadas para actuar sobre os niños primarios. As actuacións estanse a desenvolver un ano máis a través da encomenda á empresa pública Seaga.
As provincias de Pontevedra e A Coruña, ao igual que o ano pasado, volven ser as provincias que rexistran máis incidencias pola avespa velutina, con máis de 21.700 e 10.100 raíñas capturadas respectivamente. En Ourense xa se superan as 6.000 e en Lugo as 2.500. En canto a trampas instaladas, na Coruña xa se levan máis de 4.100, en Pontevedra máis de 3.700, en Lugo 2.110 e en Ourense se superan as 1.400.
Segundo indicou Natalia Prieto, “a actuación sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, evita a formación de niños secundarios e a conseguinte emerxencia de futuras raíñas coa chegada do outono”. Debido ao seu carácter selectivo e co uso de trampas adecuadas, minimízanse os posibles efectos secundarios negativos derivados da posible captura doutras especies. Para fixar o lugar de instalación lévase a cabo unha análise previa cos datos da ubicación dos niños localizados no exercicio anterior co obxectivo de potenciar a súa efectividade. As trampas instaladas revísanse cada 10 ou 15 días.
Este trampeo planificado, selectivo e xeolocalizado está avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, o que permite dar resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola velutina e priorizar a captura das raíñas. De feito, como consecuencia do proxecto piloto levado a cabo en 2024, o número de avisos xestionados por Seaga reduciuse nun 46%, ao pasar dos máis de 49.400 de 2023, cando se producira un importante aumento de avisos, aos 26.281. Nesta liña, explicou que “o plan logrou uns resultados óptimos en 2024”, coa captura de máis de 113.000 raíñas e a instalación de máis de 20.500 trampas en 261 concellos, o que supuxo unha redución da presencia desta praga no conxunto do territorio.
Na súa intervención, Natalia Prieto lembrou que tamén se están a organizar actividades de formación dirixidas ao persoal de campo encargado de colocar, revisar e retirar as trampas, e impartiranse charlas informativas e de divulgación por toda a comunidade para que a cidadanía coñeza mellor a especie, a súa expansión e as consecuencias negativas socioeconómicas e ambientais desta praga. Tamén se está a impulsar a investigación científica para coñecer o seu comportamento e determinar o método máis efectivo para evitar a súa propagación.
De cara ao futuro, a Xunta continuará traballando neste plan de choque, adaptando as estratexias para optimizar os resultados, tanto no relativo á retirada e eliminación de niños como ao trampeo de raíñas xa que, en caso contrario, a expansión desta especie invasora tomaría uns valores descontrolados coas conseguintes consecuencias negativas para a produción apícola e agraria, para o medio ambiente e para a seguridade cidadá.
Por outra parte, ademais do plan do choque, cabe destacar que, dende a súa implantación en 2020, o plan centralizado gozou de moi boa acollida e actualmente están adheridos o 100% dos concellos galegos. Neste plan, Seaga é a encargada da xestión, eliminación física ou neutralización dos niños que sexan alertados polos cidadáns mediante unha chamada ao teléfono 012 nun prazo máximo de cinco días hábiles.
Porén, tamén existen avisos de urxencia ou risco especial. Como detallou Natalia Prieto, en determinados supostos, como aqueles niños no interior de vivendas habitadas, nas proximidades de colexios, pavillóns, edificios administrativos... ou con proximidade a persoas alérxicas á picadura desta avespa; activaríanse os servizos de emerxencia da Axencia Galega de Emerxencias para a retirada inmediata do perigo.
O plan centralizado permitiu a eliminación ou neutralización de máis de 18.700 niños en 2024. A Coruña rexistrou máis de 8.600 actuacións, seguida de Pontevedra con 5.800. En Ourense e Lugo a presencia da vespa velutina foi menor, con 2.200 e 2.000 niños retirados ou neutralizados respectivamente.