O delegado territorial supervisou as obras de mantemento da ‘Curva do enxeñeiro’ (pk 1+590), na antiga N-525, en Riós

A Xunta inicia unha campaña de conservación de firmes en estradas autonómicas na provincia de Ourense

Manuel Pardo explicou que se trata dunha intervención na ‘Curva do enxeñeiro’ na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, investiu 47.000 euros

O delegado territorial informou tamén que se iniciaron os traballos de conservación doutras estradas autonómicas na provincia de Ourense, principiaron na OU-114 (variante estación Campobecerros),  na OU-114 pk 05+200 e na OU-113, en Castrelo do Val; OU-533 (variante de Fornelos), en Viana do Bolo

Estes traballos súmanse ás obras en execución de reforzos de firme nas estradas autonómicas da zona de Valdeorras, cun investimento de máis de 3 M€, aos que se unirá tamén este ano a nova capa de rodaxe en AG-53

Manuel Pardo puxo en valor o esforzo do Goberno galego na conservación e o mantemento do dominio público viario da Rede Autonómica de Estradas de Galicia

A alcaldesa de Riós trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta

Ourense, 08 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Riós para, da man da súa alcaldesa, Eva Barrio, supervisar o estado das obras de conservación nun treito antigo da N-525, na contorna do río Mente, que foi transferido polo Estado á Xunta de Galicia co traspaso de competencias tralo Estatuto de Autonomía, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, investiu 47.000 euros.

O delegado territorial explicou que se trata dunha intervención na ‘Curva do enxeñeiro’ (pk1+590), escenario da morte do enxeñeiro xefe do proxecto, José Fernández España, que traballaba no deseño da liña de tren que uniría o Sur de Galicia coa península tras un estraño accidente. Así, nesta curva realizaranse actuacións de saneamento completo duns 70 m. de lonxitude nos 7 m. de ancho da calzada.

Esta vía, anteriormente con código OU-142, agora non catalogada como estrada, practicamente non ten tráfico rodado xa que non ten continuidade coa rede, remata cortada nun noiro da N-525, e o seu maior uso é agrícola para mantemento das fincas e forestal. Si que coincide en boa parte cun treito do Camiño de Santiago da Vía da Prata polo que os traballos estarán orientados a mellorar as condicións para as persoas que transiten a pé.

Manuel Pardo puxo en valor o esforzo do Goberno galego na conservación e o mantemento do dominio público viario da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, e destacou que a seguridade viaria é unha prioridade absoluta para o Goberno galego, posto que se trata da integridade e a vida das persoas e non hai nada por riba diso. Por isto, a Xunta de Galicia reserva nos Orzamentos cada ano partidas orzamentarias específicas para a mellora da seguridade viaria, tanto coa execución de obras como con medidas de sensibilización e con partidas especificas para usuarios vulnerables como sendas peonís e ciclistas ou para as actuacións referidas aos Camiños de Santiago.

Traballos de conservación

O delegado territorial da Xunta informou tamén que se iniciaron os traballos de conservación das estradas autonómicas na provincia de Ourense,  principiaron na OU-114 (variante estación Campobecerros),  na OU-114 pk 05+200 e na OU-113, en Castrelo do Val; OU -533 (variante de Fornelos), en Viana do Bolo. As actuacións, que se están a desenvolver, consisten na limpeza de gabias, xestión da biomasa e barrido das estradas. Tamén se leva a cabo a mellora de firmes mediante tratamentos superficiais (DobreTS e TripleTS).

Estes traballos súmanse ás obras en execución de reforzos de firme nas estradas autonómicas da zona de Valdeorras, cun investimento de máis de 3 M€, aos que se unirá tamén  este ano a nova capa de rodaxe no treito autonómico da autoestrada Santiago – Ourense, AG-53.

Reunión coa alcaldesa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Riós, Eva Barrio, coa que analizou as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica.

Manuel Pardo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.

Durante o encontro, a alcaldesa trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2025