A Xunta presenta preto de 60 proxectos ao Plan social polo clima por importe de arredor de 2.000 M€
Rueda destaca que esta planificación será a base para a aplicación en España do Fondo Social para o Clima (FSC) impulsado pola Unión Europea, que terá un orzamento de 9.000 M€ durante o período 2026-2032
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas propón accións por 1.460 M€ para promover e mellorar vivendas protexidas cunha maior eficiencia enerxética
No eido da mobilidade, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes solicita máis de 224 M€ para iniciativas relacionadas co transporte público e a compra de vehículos híbridos ou eléctricos
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pide un total de 57,8 M€ para iniciativas en materia de augas e patrimonio natural
En canto á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, propón, entre outras cuestións, accións para mellorar a oferta formativa no ámbito da eficiencia enerxética, a construción e a mobilidade sustentable
A Xunta agarda que o Goberno central empregue os mesmos criterios de repartición dos fondos que a UE, como a dispersión da poboación, o nivel de emisións de GEI per cápita ou a proporción de poboación en risco de pobreza enerxética
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia que o Executivo galego presenta preto de 60 proxectos ao Plan Social polo Clima por un importe duns 2.000 M€, que será a base para a aplicación en España do Fondo Social para o Clima (FSC) impulsado pola Unión Europea.
O presidente lembrou que a Unión Europea considera clave que as autoridades rexionais participen na elaboración do Plan social polo clima que cada Estado membro deberá presentar antes do 30 de xuño de 2025 e en que incluirá as medidas e actuacións que se financiarán ao abeiro do FSC, así como a forma de facer a repartición. Serán 86.700 M€ para o periodo 2026-2032 dos que a España lle corresponden 9.000 millóns de euros, cofinanciados nun 75 % con fondos europeos e nun 25 % con achegas estatais.
A través do FSC preténdese garantir unha transición enerxética xusta para os sectores máis vulnerables da sociedade. Así, os plans sociais polo clima deberán establecer axudas temporais e directas á renda e medidas e investimentos que permitan reducir a dependencia dos combustibles fósiles dos usuarios dos distintos medios de transporte, microempresas e fogares vulnerables.
Rueda destacou que, a pesar da ausencia de contactos co Goberno central neste eido, Galicia traballou “en equipo” e a Xunta, baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e segundo recolle un informe ao que o Consello deu hoxe o visto e prace, presenta un total de 58 proxectos de 7 consellerías por un importe de preto de 2.000 M€. Dese total, 1.460 M€ corresponden a iniciativas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que propón actuacións para promover e mellorar vivendas protexidas cunha maior eficiencia enerxética, prestando especial atención aos fogares vulnerables e ás microempresas.
Mobilidade sustentable
No eido da mobilidade, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes solicita máis de 224 M€ para 14 iniciativas, entre as que se inclúen o establecemento dun servizo de transporte regular a demanda, discrecional e adaptado; a concesión de bonificacións ás tarifas dos usuarios no transporte público; a mellora da conectividade das paradas de autobús interurbano e metropolitano e da eficiencia enerxética das estacións de autobuses ou a adquisición de vehículos (autobuses, camións e taxis) híbridos e eléctricos. A maiores, solicítase financiamento para a creación de aparcadoiros disuasorios, a elaboración de plans metropolitanos de mobilidade sustentable e o deseño de sendas ciclistas e peonís seguras e conectadas.
Ademais, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tamén presenta proxectos para apoiar aos concellos de menos de 15.000 habitantes (86 M€) con medidas para mellorar a eficiencia enerxética en infraestruturas e servizos municipais, renovar parques móbiles locais e instalar puntos de carga nos municipios, realizar auditorías enerxéticas ou comprar maquinaria e equipamento eficiente.
As peticións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes -que solicita, en total, máis de 404 M€- complétanse con iniciativas en materia de deportes (53 M€), xustiza (29 M€) e emerxencias (máis de 12 M€).
Eficiencia enerxética e formación
Por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, solicítanse un total de 57,8 M€ para accións en materia de augas e patrimonio natural. En concreto, proponse destinar 45,3 M€ á implantación de enerxías renovables nas principais estacións depuradoras de augas residuais urbanas e outros 3,1 M€ para promover a xeración de biogás que cubra o consumo eléctrico dos equipamentos.
No eido do patrimonio natural, pídense máis de 2,2 M€ para instalar paneis solares fotovoltaicos para autoconsumo na illa de Ons, no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A maiores, tamén se solicita financiamento (5,6 M€) para levar a cabo accións de mobilidade sustentable e de rehabilitación enerxética nos inmobles dos parques naturais galegos. E, finalmente, proponse levar a cabo con 1,6 M€ a rehabilitación climática da aldea medioambiental do Parque Natural do Xurés.
En canto á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, propón, entre outras cuestións, accións para mellorar a oferta formativa e a cualificación do profesorado no ámbito da eficiencia enerxética, a construción e a mobilidade sostible para contar con profesionais especializados que promovan procesos neste ámbito. Tamén solicita financiamento para a convocatoria de proxectos de I+D+i mediante consorcios entre empresas e centros de investigación co que sufragar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas nestes eidos. En total, este departamento autonómico pide 24,6 M€ ao abeiro do Plan Social polo Clima.
Finalmente, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración demanda máis de 3,3 M€ para varias iniciativas, entre as que destaca o impulso a un modelo de comercio enerxeticamente eficiente. E as consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude, e do Mar solicitan cada unha ao redor de 3 M€ para propostas entre as que se inclúen medidas para a mellora da eficiencia enerxética de distintas instalacións relacionadas coas súas competencias.
|
CONSELLERÍA |
INICIATIVAS PRESENTADAS |
FINANCIAMENTO SOLICITADO |
|
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes |
36 |
404 M€ |
|
Consellería de |
6 |
57,8 M€ |
|
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP |
4 |
24,6 M€ |
|
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas |
3 |
1.460 M€ |
|
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración |
3 |
3,3 M€ |
|
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude |
1 |
3 M€ |
|
Consellería do Mar |
5 |
2,8 M€ |
|
|
58 |
1.955 M€ |
Criterios de repartición
A maiores, cómpre indicar que aínda que o Goberno central non puxo en coñecemento das comunidades o borrador do Plan social polo clima, malia a súa relevancia para o conxunto do Estado, a Xunta agarda que empregue os mesmos criterios de distribución dos fondos que a Unión Europea.
Entre eles, a dispersión da poboación, o nivel de emisións de gases de efecto invernadoiro per cápita, a proporción de poboación en risco de sufrir pobreza enerxética, os ingresos medios dos fogares, a taxa de pobreza e desemprego ou o impacto esperado do novo sistema de réxime de dereitos de emisión para sectores do transporte por estrada e edificios.
O Fondo Social para o Clima forma parte do paquete lexislativo Fit for 55 que implementa o Pacto Verde Europeo. Nese senso, pretende contribuír a acadar os obxectivos climáticos da Comisión Europea de cara a 2030 axudando a descarbonizar o sector do transporte, mellorando o rendemento ambiental e enerxético dos edificios, combatendo a pobreza enerxética, apoiando o crecemento económico sustentable e creando emprego verde.
Esta iniciativa, que se enmarca no Pacto verde europeo, financiarase con 65.000 millóns de euros procedentes das poxas do réxime de comercio de dereitos de emisión e completarase con achegas dos Estados membros ata acadar un orzamento global de 86.700 millóns de euros.