A Xunta recibe 9 ofertas para as obras de renovación do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso por 12 concellos da provincia da Coruña
O investimento acada os 3,3Me e acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-840, AC-214, AC-400, AC-223 e AC-231, nos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Abegondo, Mesía, Sobrado, Cerceda, Betanzos, Oza-Cesuras, Vilasantar, Curtis e Oleiros
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións nunha lonxitude total que rolda os 37 quilómetros, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade
Dentro das actuacións do contrato contémplase a execución de tres tramos de cuneta de seguridade, un deles na marxe esquerda da AC-214, en Cambre, e dous na marxe esquerda da estrada AC-190, en Oleiros
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de recibir 9 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso por 12 concellos da provincia da Coruña, nas que inviste 3.358.707 euros.
Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses e consistirán na renovación do firme para o mantemento e conservación das vías AC-840, AC-214, AC-400, AC-223 e AC-231, que discorren polos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Abegondo, Mesía, Sobrado, Cerceda, Betanzos, Oza-Cesuras, Vilasantar, Curtis e Oleiros.
As intervencións inclúen a rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións nunha lonxitude total que rolda os 37 quilómetros, coa restauración ou mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
A maiores, abordarase tamén a reposición da sinalización horizontal, así como actuacións puntuais de drenaxe na AC-214 e na AC-190.
Ademais, contémplase a execución de tres tramos de cuneta de seguridade, un deles na marxe esquerda da estrada AC-214, no Concello de Cambre, e dous na marxe esquerda da estrada AC-190, no Concello de Oleiros.
O departamento que dirixe maría M. Allegue segue a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 68 M€ á súa conservación.