A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou o parque empresarial de Bértoa, en Carballo
Lorenzana anuncia que a xunta aprobará á volta do verán o plan de ordenación para ampliar nun 51 % a superficie do parque empresarial de Bértoa
Explica que o Goberno galego investirá máis de 32 M€ nesta ampliación que permitirá incrementar a superficie en preto de 630.000 m²
Destaca a importante demanda empresarial que existe neste polígono e que “a previsión é que estea finalizado no 2028”
Lembra que segue aberta a liña de axudas dotada con 1 M€ destinada a mellorar a seguridade e a competitividade dos parques empresariais de Galicia
Carballo (A Coruña), 8 de xullo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou esta mañá que a Xunta aprobará á volta do verán o plan de ordenación para ampliar nun 51 % a superficie do parque empresarial de Bértoa ata acadar 1,8 millóns de m² e coa previsión de que estea finalizado no 2028.
A conselleira estivo hoxe en Carballo para visitar este polígono industrial onde explicou que o Goberno galego investirá máis de 32 millóns de euros nesta ampliación que suporá incrementar a superficie en preto de 630.000 m² máis de solo empresarial.
“Esta é unha comarca moi industrial, con moitísimo desenvolvemento económico e, polo tanto, para a Xunta de Galicia é prioritario continuar coa tramitación para finalizar a ampliación do polígono de Bértoa”, dixo.
Ao respecto, informou de que se está a traballar, en paralelo, en todas as contratacións necesarias para a reparcelación e as obras de urbanización, “tratando de axilizar ao máximo posible -remarcou-, como estamos facendo en todas as zonas nas que consideramos que, pola demanda que existe, se precisa de solo industrial de xeito rápido”.
Axudas para a mellora da seguridade e a competitividade dos polígonos
Durante a visita, a titular de Economía e Industria, tamén explicou que a Xunta ten aberta ata o 21 de xullo unha liña de apoios -de nova creación- dotada con 1 millón de euros para incrementar a seguridade e a competitividade dos parques empresariais de Galicia. En concreto, estes apoios están destinados exclusivamente a implantar solucións que minimicen os riscos nos polígonos industriais e mellorar os servizos que ofrecen as empresas que está implantadas neles.
Segundo expuxo, estas axudas de ata 120.000 euros por solicitude permitirán modernizar os equipos e os sistemas de seguridade dos parques e facilitar a obtención de certificacións, selos ou as marcas de calidade necesarias.