Ángeles Vázquez salienta na XXVIII Feira do Pemento de Oímbra a importancia da produción de proximidade para o coidado do medio ambiente

Oímbra (Ourense), 3 de agosto de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asistiu este mediodía á Feira do Pemento de Oímbra, produto recoñecido coa súa propia Indicación Xeográfica Protexida e do que destacou a súa calidade e prestixio, poñéndoo como exemplo da importancia que ten a produción de proximidade para garantir o coidado do medio ambiente. 

Tras lembrar que esta celebración, declarada Festa de interese turístico, cumpre hoxe 28 anos, Ángeles Vázquez salientou o labor realizado por produtores, concello e veciñanza para promocionar o pemento branco de Oímbra, que cada agosto reúne a preto de 4.000 persoas na carballeira do municipio.

Neste sentido, explicou que consumir este tipo de produtos tamén contribúe á loita contra o cambio climático xa que, por un lado, se aposta por prácticas produtivas respectuosas e sostibles e, por outro, redúcense as necesidades de transporte e con elas, as emisións de gases contaminantes.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, a conselleira subliñou que mercar este tipo de produtos supón tamén un apoio aos pequenos produtores, favorecendo a xeración de emprego e fortalecendo as economías locais.

Nesta ocasión, hai programados toda unha serie de actos entre os que destacan unha exposición de pratos co pemento como ingrediente principal e que servirá de base para elaborar un receitario, actuacións musicais, unha exposición de coches antigos e a posibilidade de degustar o produto estrela de forma gratuíta durante todo o día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2025