A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, selou co alcalde, Julio Ignacio Iglesias Redondo, o convenio para o financiamento deste proxecto
A Xunta colabora co Concello de Ares para a posta en valor da Casa Reitoral
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financiará a intervención no inmoble cun préstamo por preto de 20.000 euros do Fondo de Cooperación ao concello, a través da liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
O prazo para solicitar este préstamo sen xuros fondo rematará o vindeiro 15 de outubro
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou co alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe total de 19.695 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
Esta liña está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con 3,7M€.
En concreto, o convenio firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, ten como obxecto a posta en valor da Casa Reitoral de San Xosé de Ares, a través do proxecto de execución da pintura exterior.
Este préstamo sen xuros ao concello de Ares correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.
A través dos préstamos sen xuros deste fondo, poderanse financiar actuacións rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de obras de edificación ou de urbanización, obras de conservación e recuperación do patrimonio construído, a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación e como novidade, nesta convocatoria, as actuacións de urbanización de novos viarios previstos no planeamento municipal para mellorar a conexión de ámbitos urbanos ou de núcleos rurais e as dirixidas ao remate das edificacións non acabadas.
A Xunta, dende a posta en marcha deste Fondo en 2017, leva concedidos préstamos por un importe de preto de 26M€ para impulsar 106 actuacións en 50 concellos.