O presidente da Xunta visitou as obras da primeira planta integral de produción de proteínas vexetais de España, promovida pola compañía In Proteins For All

Rueda reivindica Galicia como comunidade líder en produción nacional de proteínas coa nova planta de Curtis

Destaca que o investimento permitirá a creación de 55 empregos directos, a maioría indefinidos

Agradece a aposta pola nosa comunidade dunha empresa con potencia, capacidade e futuro

A nova infraestrutura producirá proteínas a partir de legumes mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible, e os subprodutos destinaranse a sectores como a acuicultura ou a nutrición de mascotas

Segundo as estimacións, a planta estará plenamente operativa a mediados do ano 2026

Curtis (A Coruña), 26 de setembro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe Galicia como comunidade líder en produción nacional de proteínas grazas á nova planta de Curtis.

Durante a súa visita ás obras da primeira planta integral de produción de proteínas vexetais de España, promovida pola compañía In Proteins For All, o titular do Executivo galego agradeceu a aposta dunha empresa “con potencia, capacidade e futuro” por Galicia, e subliñou que se trata dun proxecto estratéxico “que hai que apoiar”, tanto para o concello como para toda a comunidade. O investimento total, próximo aos 19 millóns de euros, permitirá, tal e como destacou Rueda, a creación de 55 empregos directos, a maioría indefinidos.

A nova infraestrutura producirá proteínas a partir de legumes como fabas, garavanzos, lentellas ou chícharo mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible. Ademais, os subprodutos transformaranse en ingredientes de alto valor engadido para sectores como a acuicultura ou a nutrición de mascotas, convertendo a planta nun exemplo de economía circular.

O presidente puxo en valor que esta iniciativa supón un salto cualitativo para a industria agroalimentaria galega e posiciona a Curtis como referente nacional na produción de proteínas, un sector en auxe, en colaboración coa planta veciña de Inleit.

O proxecto foi recoñecido pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria en setembro de 2023, o que permitiu reducir á metade os prazos administrativos. Rueda explicou que a administración autonómica aposta pola innovación, a calidade e a axilidade na tramitación cando se trata de investimentos que reúnen os requisitos de xeración de emprego e “valor engadido”.

Neste sentido, o titular do Executivo galego salientou a importancia de poder transformar as materias primas galegas na nosa comunidade para reter a riqueza e potencial económico. Así, afirmou que “Galicia Calidade” tamén son este tipo de proxectos con futuro “que fan que o talento que temos aquí se reteña” e que se converten en “polos de atracción” doutras empresas.

Destaca o traballo da Oficina Económica de Galicia, recentemente presentada en Xapón, que acompañou de preto aos promotores desde o primeiro momento, e as novas liñas de apoio á innovación postas en marcha polo Igape (incluíndo IA360, Igape Innova e Ticket Innova), dirixidas a empresas que apostan polas tecnoloxías punteiras e pola creación de startups.

A Xunta respalda este proxecto cunha achega global que supera os 9,5 millóns de euros, que se suma á implicación de investidores galegos como Hijos de Rivera e doutros socios internacionais, nun exemplo de colaboración público-privada que permitirá que planta estea plenamente operativa a mediados de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2025