Manuel Pardo destaca o apoio da Xunta na mellora no abastecemento de auga da comunidade de usuarios de Vilar en Padrenda

O delegado territorial explicou que este colectivo recibiu 12.000 euros do Plan específico de acción comunitaria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para ofrecer auga de calidade e con garantías sanitarias aos 300 usuarios das 70 vivendas da comunidade.

Manuel Pardo destacou que no caso da provincia de Ourense foron beneficiadas 99 entidades para levar a cabo 128 proxectos que repercutirán na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños

O representante do Goberno galego destacou, que na convocatoria deste ano, a Xunta incrementou a dotación deste plan nun millón de euros para seguir apoiando o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños

Ourense, 01 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Manuel Pérez, as instalacións da comunidade de augas de Vilar, no concello de Padrenda, unha das entidades beneficiarias do Plan específico de acción comunitaria dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

O delegado territorial explicou que no caso deste colectivo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes inviste 12.000 euros para a reparación do manancial Gandara, a construción dunha cuberta para o depósito, a instalación de duchas e dun sistema de desinfección da auga a través do clorador. Estas actuacións permitirán ofrecer auga de calidade e con garantías sanitarias aos 300 usuarios das 70 vivendas da comunidade.

Manuel Pardo destacou que esta convocatoria de subvencións do Plan específico de acción comunitaria contou este ano cun aumento de 1 millón de euros (un 33 % máis respecto a 2024) e acada os 4 millóns de euros en vista do volume de solicitudes e do éxito das convocatorias en anos previos. Nesta liña detallou que na provincia de Ourense foron beneficiadas 99 entidades para levar a cabo 128 proxectos que repercutirán na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños.

O representante do Goberno explicou que, como desde o ano 2023, esta orde contou con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 3,4 millóns de euros e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específicas que conta con outros 600.000 euros de orzamento. Tamén subliñou que as contías económicas poden cubrir o 100 % do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 de euros para a dotación de equipamentos.

Manuel Pardo subliñou que, desde a posta en marcha da medida, en 2016, a Xunta investiu preto de 26 millóns de euros nestas axudas, que permitiron impulsar máis de 2.000 proxectos co fin de mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025