A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, achegouse hoxe ata este núcleo ourensán para coñecer o resultado destas actuacións

A Xunta remata as obras de humanización no núcleo de Santa Ana, en Sandiás, que supuxeron un investimento total de máis de 320.000 €

Estas actuacións desenvolvéronse ao abeiro do Plan Hurbe e a partir dun convenio entre a Xunta, que achegou o 70 % do investimento, e o Concello, o 30 % restante

A intervención incluíu a renovación e soterrado dos servizos e a reposición dos pavimentos para dispoñer unhas rúas renovadas, máis amables e accesibles

Allegue destacou que os Orzamentos da Xunta para 2026 consignan para a provincia de Ourense 69,34 M€, dos que 26,44 M€ se destinarán a vivenda

As contas autonómicas dedican 38,5 M€ ao ámbito das infraestruturas na provincia, destacando partidas como a do Plan de vialidade invernal, con case 7 M€

Sandiás (Ourense), 31 de outubro de 2025

A Xunta vén de rematar as obras de humanización no núcleo de Santa Ana, en Sandiás, que supuxeron un investimento total de máis de 320.000 € e que se enmarcan no Plan Hurbe da Administración autonómica.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, achegouse hoxe ata este núcleo ourensán para coñecer o resultado destas actuacións que se impulsaron ao abeiro do convenio entre a Xunta, que aportou o 70 % do investimento, e o Concello de Sandiás, que achegou o 30 % restante.

A intervención incluíu a renovación e soterrado dos servizos (electricidade, telecomunicacións e iluminación) e a reposición dos pavimentos que permiten contar cunhas rúas renovadas e accesibles.

Allegue destacou a importancia de apostar por estas intervencións que son as que melloran as contornas urbanas das vilas e contribúen a reforzar a calidade de vida dos veciños.

Puxo en valor o Plan Hurbe, que como neste caso posibilita a colaboración coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Tamén salientou o obxectivo de asentar poboación no rural, para o que é fundamental que as persoas conten con servizos e equipamentos necesarios.

Subliñou que os Orzamentos da Xunta do 2026 teñen consignados para a provincia de Ourense partidas que suman 3,5 M€ en materia de urbanismo.

Ademais recordou que as contas autonómicas centran esforzos en seguir a impulsar o acceso á vivenda e en continuar vertebrando a provincia a través das infraestruturas autonómicas.

O orzamento global da Consellería para a provincia de Ourense, de 69,34 M€, dos que 26,44 M€  se destinarán a vivenda. 

Ademais, en infraestruturas, a provincia contará cunha dotación de 38,5 M€ para os novos quilómetros de estradas e tamén para manter a conservación e seguridade viaria. O Plan de vialidade invernal contempla case 7 M€ para a provincia e os reforzos de firme, 5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2025