O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe os obradoiros artesáns que participan estes días no evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’

A Xunta poñerá en marcha en 2026 a Casa de Artesanía de Ribadavia como espazo permanente para a comercialización do sector no marco de Vilas Vivas

José González destacou que un dos locais acondicionados na rúa Banda A Lira será dedicado a un centro estable de promoción artesanal, reforzando o papel deste ámbito como motor económico e cultural

O proxecto Vilas Vivas abarcará un total de 15 establecementos, co obxectivo de recuperar locais en desuso e poñelos a disposición do tecido comercial e artesán, tanto en formatos efémeros como permanentes

Este local xa acolle propostas de artesáns no marco do mercado desta ponte, como as do oleiro Alberto Lista, Premio Artesanía de Galicia 2025, e do taller de coiro Mimacuir, ademais de cursos de formación de Félix de Martín e Julia de la Cal

A estes súmanse unha decena de obradoiros na Igrexa da Madalena, permitindo ao público coñecer directamente aos responsables dos produtos feitos a man e poñer en valor os oficios tradicionais

O conselleiro resaltou tamén o completo programa de actividades de ‘Artesanía, Saber e Sabor’, con obradoiros abertos ao público, como os previstos para hoxe con temáticas de Nadal, impartidos por Peixesapop e Nai Deseños

Ribadavia (Ourense), 6 de decembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe diferentes obradoiros participantes no mercado Artesanía, Saber e Sabor —que celebra hoxe o seu segundo día—, subliñando o valor estratéxico do sector artesanal para Ribadavia como eixo de atracción turística. Durante a visita anunciou tamén a creación dun espazo estable para a posta en valor dos oficios tradicionais e a comercialización de produtos artesanais que se desenvolverá en 2026 no marco do proxecto Vilas Vivas.

Segundo explicou González, un dos locais do proxecto, situado na rúa Banda A Lira, será dedicado en 2026 á Casa de Artesanía de Ribadavia, reforzando o papel do sector como motor económico e cultural. Como o resto dos espazos incluídos na iniciativa —que chegará a 15 locais en total, dos cales nove estarán xa abertos este Nadal—, o obxectivo é recuperar establecementos en desuso e poñelos a disposición do tecido comercial e artesanal mediante licitación pública, en formatos tanto permanentes como efémeros.

Durante esta fin de semana, este espazo acolle exposicións de artesáns participantes no mercado, entre os que se atopan o oleiro Alberto Lista (Buño, A Coruña), recentemente galardoado co Premio Artesanía de Galicia 2025, e o taller de coiro e calzado Mimacuir, de Taboada (Lugo). Tamén nel se están a desenvolver cursos de formación incluídos na programación do evento, como o de Iniciación á sombreireiría, de Félix de Martín (Ourense), e Árbore de Nadal con vimbio, de Julia de la Cal, de La Parabólica (O Porriño, Pontevedra) que se celebran hoxe.

O conselleiro destacou que, ademais dos locais do proxecto Vilas Vivas, participan unha decena de obradoiros na Igrexa da Madalena, permitindo ao público interactuar directamente cos artesáns e poñer en valor os oficios tradicionais. Subliñou tamén o completo programa de actividades en torno ao sector, como os obradoiros abertos de hoxe: Cianotipias con motivos de Nadal, impartido por Peixesapop (Vigo, Pontevedra) na rúa Rodríguez Mourese, 7, e o Obradoiro colaborativo de pezas téxtiles de decoración para Nadal, a cargo de Nai Deseños (Vigo, Pontevedra) na Igrexa da Madalena.

González sinalou tamén a boa acollida da oferta da Consellería do Medio Rural na Praza Maior, que inclúe máis de 30 produtores de artesanía alimentaria, espazos infantís e catas da Denominación de Orixe Ribeiro, complementando a oferta comercial e atraendo visitantes.

Aposta pola promoción dos produtos de calidade

No caso do mercado de Artesanía Alimentaria, trátase do primeiro que se celebrará este Nadal na nosa comunidade. Do 12 ao 14 de decembro terá lugar un en Ferrol e, do 19 ao 21, en Lugo co gallo de poñer de relevo o bo facer dos produtores galegos. Nese seno, actualmente o selo de Artesanía Alimentaria conta con 151 operadores que ofrecen unha ampla variedade de produtos para todos os gustos.

Estes mercados alimentarios enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionan os distintos indicativos cos que conta a comunidade, e ao cal no próximo ano se destinarán 10 millóns de euros, dous máis que neste 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2025