María José Gómez enxalza as iniciativas que axudan a conservar o patrimonio cultural do rural galego
A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe á presentación do libro Os órganos de Lourenzá. Ecos do pasado, sons do futuro, que recolle unha pormenorizada investigación sobre a historia dos órganos da igrexa do Mosteiro de San Salvador
Lourenzá (Lugo), 10 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na presentación do libro Os órganos de Lourenzá. Ecos do pasado, sons do futuro, que recolle unha pormenorizada investigación sobre a historia dos órganos da igrexa do Mosteiro de San Salvador, situada no concello lucense de Lourenzá. Gómez enxalzou a importancia do estudo recollido nesta publicación, impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda ao abeiro da medida Leader que se convoca dende o Goberno galego.
Este traballo é, tal e como sinalou a titular de Medio Rural, unha mostra do “riquísimo” patrimonio cultural galego que “debemos conservar”. Gómez afirmou que estes órganos demostran que o rural galego “resiste o paso do tempo” e confirman que estas contornas son espazos nos que poder construír un proxecto de vida e capaces de acoller iniciativas “tan ambiciosas e fermosas” coma esta. Por outra banda, reafirmou o compromiso da Administración por acompañar e apoiar este tipo de proxectos “que nacen do territorio e para o territorio”.
Os órganos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá constitúen un dos máis salientables conxuntos do patrimonio galego. Son dous documentos musicais especialmente destacados non só en Galicia, senón tamén a nivel peninsular, posto que son os únicos instrumentos de caixas xemelgas na comunidade que se conservan no seu estado orixinal.