A Xunta detecta dous novos focos de gripe aviaria en aves silvestres nos concellos de Vigo e Xove
O foco da provincia de Pontevedra corresponde a un exemplar de busardo ratonero, que foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade
O da provincia de Lugo son tres animais, concretamente dúas gaivotas patiamarelas e unha gaivota sombría; todos levados ao Centro de Recuperación do Veral en Lugo
En Galicia non hai ningún caso en aves de curral e seguen en vigor, ao igual que en toda España, as medidas preventivas adoptadas polo Ministerio de Agricultura
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), e que constitúen dous focos diferenciados, localizados en Vigo (Pontevedra) e Xove (Lugo).
Trátase dun busardo ratonero (Buteo buteo) atopado no concello de Vigo, que foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Cerdedo-Cotobade; e dúas gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e unha gaivota sombría (Larus fuscus) atopadas en Xove, que constitúen un único foco. Estas aves foron levadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral en Lugo, dependente da mesma Consellería.
As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con estes novos focos, son dous os notificados na nosa comunidade no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia, polo que desde a Consellería do Medio Rural lánzase unha mensaxe de tranquilidade e de precaución.
Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 152 (dos que 4 correspóndense aos notificados desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un rexistro considerable no número de focos nos últimos meses.
Medidas preventivas en toda España
Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese realizar a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.