Román Rodríguez destaca a mellora da eficiencia enerxética e o confort do CEIP Os Tilos de Teo, grazas á nova cuberta

A Xunta investiu preto de 400.000 € nesta obra, que se suman aos máis de 900.000 € para a rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo, xa en marcha

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de renovación da cuberta do Colexio Plurilingüe Os Tilos, en Teo, cun investimento de preto de 400.000 €.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o centro co fin de comprobar in situ o resultado dunhas obras que se enmarcan no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a modernización dos centros educativos galegos, incrementar a súa eficiencia enerxética e mellorar o benestar diario da comunidade escolar. Así pois, esta actuación supón unha mellora do confort deste edificio que empregan cada día máis de 233 alumnos.

O titular de Educación da Xunta lembrou que esta actuación se suma á rehabilitación integral en marcha no CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo, por un importe de máis de 900.000 €, o que eleva a arredor de 1,3 M€ os investimentos en infraestruturas educativas nestes momentos neste concello.

Detalles da intervención

A obra no Colexio dos Tilos consistiu na substitución do material de cobertura da cuberta actual, formado por tella cerámica, por unha cuberta de panel sándwich e illamento sobre forxado de cuberta. En total, actuouse en preto de 2.100 m².  Tamén se acometeu a substitución de lucernarios, a impermeabilización dos canlóns, a renovación de baixantes e canalóns e a impermeabilización dos petos perimetrais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026