A Xunta abre a convocatoria das axudas para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior dotada con 6,3 M€
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as liñas de subvencións para os proxectos no exterior de ONGD con máis de 4,3M€, doutros axentes de cooperación con 700.000 euros e máis de 1,2M€ para proxectos de apoio a organización feministas e de defensa de dereitos das mulleres
Fináncianse proxectos para propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes galegos de cooperación, dotada con 6,3 millóns de euros, o que representa un incremento dun 5% respecto á dotación da convocatoria do ano pasado. Deste total, máis de 4,3 millóns de euros son para proxectos no exterior de ONGD, 700.000 euros para proxectos no exterior doutros axentes e 1,2 millóns de euros para proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa de dereitos das mulleres.
Pódense beneficiar da iniciativa as ONGD, as universidades galegas e as súas entidades dependentes, as cooperativas, empresas e asociacións empresariais, as organizacións sindicais, as comunidades galegas no exterior e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento, que estean inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antigüidade. Os proxectos financiados deben iniciarse en 2026.
A través desta orde fináncianse proxectos cuxo obxectivo é o de propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.
Coas actuacións previstas preténdese dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade, a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura, o impulso da equidade de xénero, a defensa dos dereitos humanos, o fortalecemento institucional ou a loita contra o cambio climático.
Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e tamén aos outros axentes, salvo a aquelas entidades que obtiveran subvención con cargo á convocatoria de programas, as cales unicamente poderán presentar unha solicitude. Deben cumprir o requisito de que, polo menos, un dos proxectos sexa executado nun país definido como prioritario no V Plan Director da Cooperación Galega, isto é, Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.
As entidades interesadas en optar ás axudas deben presentar a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal no prazo dun mes contado a partir de mañá.