Acordo con Turismo de Galicia, a través do Xacobeo 2027
A Xunta únese á regata "La Solitaire du Figaro 2026" e xa planifica coa Fundación Traslatio a súa chegada a Vigo
A delegada territorial, Ana Ortiz, presenta a nova edición da proba francesa que recalará por segundo ano consecutivo na cidade
Do 20 ao 24 de maio, Vigo acollerá unha vez máis a etapa máis importante da lendaria regata oceánica na súa 57ª edición
O Goberno galego apoiará o evento xunto coa Deputación de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Vigo
Vigo, 20 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este venres o acordo do Goberno galego, a través de Turismo de Galicia no marco do Xacobeo 2027, coa Fundación Traslatio para apoiar, xunto á Deputación de Pontevedra e á Autoridade Portuaria de Vigo, a chegada da emblemática regata La Solitaire du Figaro 2026 este mes de maio ao porto vigués.
Segundo explicou a representante autonomica, Vigo será a chegada da primeira etapa e o punto de partida da segunda etapa, onde 35 barcos procedentes de Francia encherán de cor durante catro días a dársena de Portocultura. A proba contará cun village de acceso público con actividades gratuítas para todos os asistentes.
Ana Ortiz afirmou que “estamos encantados de acoller de novo a Figaro en Vigo, porque este evento non só destaca a rica tradición náutica da nosa cidade, senón que tamén fomenta o turismo e a actividade económica local”.
Pola súa banda, Mario Cardama remarcou o carácter público do evento e destacou que “é unha oportunidade única para que o público goce da emoción da vela de preto. Animamos a todos os cidadáns a que se unan a nós para celebrar este espectacular evento”.
Saída o domingo 24 de maio
O domingo 24 de maio, ao mediodía, programarase a gran saída dos barcos de regreso a Francia, tal e como sucedeu o pasado mes de setembro na 56ª edición, que visitaba a cidade por primeira vez na súa historia.
Para a celebración da regata, dividida en tres etapas, prevese a participación de 35 dos mellores regatistas oceánicos do momento. Na súa maioría son de orixe francesa, 30 navegantes, mentres que os demais son de Reino Unido (2), unha norteamericana, unha suíza e o defensor do título, o irlandés Tom Dolan.