As obras de rehabilitación do firme que a Xunta executará na LU-611 fan preciso o corte de tráfico de 5,9 km no viario desde o luns 23 de marzo ata o 10 de abril
Os traballos enmárcanse no contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da Administración autonómica e consistirán no reforzo do firme no ancho completo da estrada e a renovación da sinalización
Realizarase un corte da estrada entre os puntos quilométricos 29+930 e o 35+900, con desvíos alternativos en horario laboral entre as 9,00 e as 19,00 horas, quedando a circulación libre o resto das horas, incluídas as fins de semana e festivos
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2026
As obras de rehabilitación do firme que a Xunta iniciará o vindeiro luns, 23 de marzo, na estrada LU-611, que conecta Rubián e Taboada en Lugo, fan preciso o corte do tráfico en 5,9km do viario desde ese día ata o 10 de abril, en que se estima que finalicen os traballos.
As obras enmárcanse no contrato de conservación ordinaria e vialidade Invernal que leva a cabo a Administración autonómica e, en concreto, a actuación abarca a mellora do firme entre os puntos quilométricos 29+930 e 35+900. Realizarase o corte da estrada nese treito, con desvíos alternativos en horario laboral entre as 9,00 e as 19,00 horas, quedando a circulación libre o resto das horas incluídas as fins de semana e festivos.
As obras consisten no reforzo do firme existente mediante o estendido dunha capa con formigón bituminoso en quente no ancho completo da citada estrada. Completaranse co pintado da sinalización horizontal na totalidade do tramo afectado polas obras.
Ademais, está previsto a habilitación de carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico durante a execución das obras.