A Xunta convoca os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde coas bases reguladoras, que contemplan dous tipos de galardóns: Premio á Responsabilidade Social Empresarial (nas categorías de pequena, mediana e grande empresa) e unha Mención á Conciliación
O prazo para presentar candidaturas prolongarase deica o próximo 17 de xuño
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026. Concederanse dous tipos de galardóns: Premio á Responsabilidade Social Empresarial (nas categorías de pequena, mediana e grande empresa) e unha Mención á Conciliación.
En concreto, no Premio á Responsabilidade Social Empresarial, a categoría de pequena empresa destínase a firmas que ocupen ata 49 persoas traballadoras, a de mediana empresa é para as que teñan entre 50 e 249 traballadores e a de grande para as que conten con 250 ou máis. A valoración realizarase dun xeito integral nos tres ámbitos contemplados —laboral-económico, ambiental e de acción social— con respecto ao período 2023-2025.
Así, sobre o ámbito laboral-económico, estudarase a calidade do emprego, a saúde e seguridade laboral, a promoción do desenvolvemento persoal e profesional das persoas traballadoras, as medidas en materia de igualdade e de prevención e loita contra o acoso, a igualdade retributiva ou a porcentaxe de mulleres nos órganos de goberno. Tamén que haxa órganos de dirección específicos responsables da RSE, medidas ou accións de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, a creación de emprego de mulleres en sectores onde estea infrarrepresentada, a inserción laboral de persoas en risco de exclusión e vulnerables ou medidas de conciliación da vida persoal e profesional.
No relativo ao eido ambiental, avaliarase a innovación e deseño nos produtos e servizos ou en sistemas ou procesos de produción con fins ou impactos ambientalmente sustentables, as campañas de información e sensibilización medioambiental, actuacións para o uso eficiente e aforro no consumo, políticas para o desenvolvemento da economía circular ou para a prevención e tratamento de residuos e a redución de gases de efecto invernadoiro. Tamén se valorará a avaliación segundo criterios ambientais das entidades provedoras, a protección da biodiversidade e recursos non renovables, o emprego de indicadores para medir o impacto ambiental ou actuacións de mobilidade sostible.
Por último, no ámbito da acción social, estudaranse as políticas de diversidade e inclusión, a procura da igualdade de oportunidades e integración social, o compromiso coa comunidade ou actividades de voluntariado.
Canto á Mención á Conciliación, busca distinguir as iniciativas empresariais innovadoras que, de maneira significativa, propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade, máis aló das obrigas legais derivadas da normativa vixente. Así, o xurado terá en conta aspectos como a implantación do teletraballo ou de xornadas e horarios que faciliten a atención das responsabilidades familiares. Tamén a dotación de salas de repouso e lactación, o fornecemento de servizo de gardería a cargo ou con financiamento por parte da empresa, o apoio para acceder a servizos e estruturas para o coidado doutras persoas como centros de día para persoas maiores ou dependentes ao coidado das persoas traballadoras e medidas orientadas a garantir o dereito á desconexión dixital. A maiores, valorarase o desenvolvemento de medidas innovadoras para a conciliación e a corresponsabilidade como permisos especiais para a atención de familiares e convivintes, programas de formación dirixidos á actualización das competencias das persoas que se acolleran a medidas de conciliación ou corresponsabilidade e accións de promoción do exercicio corresponsable das medidas de conciliación.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación das candidaturas prolongarase deica o próximo 17 de xuño. Cómpre engadir que poderán optar aos Premios RSE Galicia 2026 todo tipo de empresas, públicas ou privadas, galegas ou que conten con sede ou con centros de traballo en Galicia, en cuxo caso a información deberá referirse ás actuacións de dita sede ou centro. Exclúense as empresas con sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos no ámbito laboral, social ou ambiental.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260417/AnuncioG0767-070426-0003_gl.html