O DOG publica o decreto que institucionaliza o diálogo social en Galicia como marco clave de negociación colectiva en materia sociolaboral e económica
A norma establece o funcionamento e composición da Mesa de Diálogo Social de Galicia e regula na comunidade este espazo do que forman parte o Executivo galego e os axentes sociais
Deste xeito, o Executivo autonómico busca consolidar esta ferramenta, o superior órgano de participación institucional permanente da comunidade, impulsar a súa transversalidade e a súa adecuación ás novas realidades socio-laborais e económicas
O decreto tamén servirá para actualizar as mesas que compoñen este espazo de negociación, que son a Mesa de Emprego e a Mesa de Economía e Industria
Exemplos das cuestións que se abordarán no Diálogo Social cun grupo de traballo específico son a prevención de riscos laborais, o absentismo e o benestar laboral
A Xunta prevé presentar entre maio e xuño no Diálogo Social os primeiros avances do plan integral contra o absentismo laboral en Galicia, co fin de poñer en consideración de sindicatos e empresarios posibles medidas para facer fronte a esta realidade
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que regula a composición, organización e funcionamento da denominada Mesa de Diálogo Social de Galicia, adscrita á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da que forman parte o Goberno galego e os axentes sociais —organizacións sindicais e patronal—. Con el o Goberno galego institucionaliza o Diálogo Social establecendo unha norma reguladora do mesmo en Galicia. Deste xeito, a través do decreto que crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia como o superior órgano de participación institucional permanente da comunidade galega, busca impulsalo dun xeito consensuado coa parte social como espazo clave de negociación colectiva para abordar retos do mercado laboral galego.
Este paso realízase logo de anos de funcionamento do Diálogo Social en Galicia e tras consensualo cos axentes socias. Así, o obxectivo desta norma é avanzar na consolidación desta ferramenta imprescindible para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia co fin de dotala de maior transversalidade e impulsar a súa adecuación ás novas realidades sociolaborais e económicas.
En concreto, a normativa reflicte as funcións e composición da Mesa de Diálogo Social, que consta de Presidencia honorífica, Presidencia, Vicepresidencia, Vogalías e Secretaría, e o seu funcionamento a través do Pleno, da Comisión Delegada e das Mesas Sectoriais e Intersectoriais. En canto ás funcións da Mesa de Diálogo Social, entre elas está a realización de estudos e informes relativos as materias obxecto de debate neste espazo.
Ademais, o decreto servirá para actualizar a composición das mesas que compoñen o Diálogo Social e nas que están representadas diferentes consellerías. Actualmente estas mesas son a Mesa de Emprego, que inclúe os grupos de traballo de Políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral e Igualdade laboral e a Mesa de Economía e Industria, cos grupos de traballo de Industria e enerxía, Naval e Automoción.
Absentismo e benestar laboral no Diálogo Social
O decreto consolida o Diálogo Social como ferramenta para tratar retos do mercado laboral. Un exemplo deste compromiso coa negociación colectiva é o traballo que se realizará no seo do Diálogo Social en relación a cuestións como o benestar laboral e o absentismo. O obxectivo é buscar solucións entre a Xunta, os sindicatos e a patronal que blinden os dereitos das persoas traballadoras abordando co máximo respecto esta realidade que incide de maneira directa na economía galega.
Neste marco, prevese presentar entre maio e xuño os primeiros avances do plan integral contra o absentismo laboral, co fin de poñer en consideración de sindicatos e empresarios posibles medidas orientadas a reducir baixas evitables, reforzando a prevención de riscos e o benestar laboral ou os procesos de xestión e control. Tamén neste seo se abordará o deseño da Estratexia de Benestar Laboral.
Ligazón ao decreto no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260424/AnuncioG0767-210426-0001_gl.html