O delegado territorial visitou esta mañá na cidade de Ourense, un dos centros beneficia-rios na pasada convocatoria destas axudas
Manuel Pardo salienta o apoio da Xunta aos centros especiais de emprego cunha nova orde de 27 M€ para favorecer a inclusión laboral de persoas con discapacidade
O delegado territorial destacou que na orde do 2025, foron 13 centros beneficiarios na provincia de Ourense, aos que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, destinou preto de 1,3 M€ para o mantemento de 217 postos de traballo
Manuel Pardo explicou que na nova convocatoria, aberta ata o vindeiro 29, destínanse 24,4 M€ para o financiamento dos custos salariais das persoas traballadoras con discapacidade, 1,6 M€ se dirixirán á contratación de profesionais das unidades de apoio, e 1 M€ coa finalidade de impulsar a creación de emprego estable e reforzar as condicións laborais nos centros especiais de emprego
A iniciativa, enmarcada na Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, consolida a aposta da Xunta por un emprego inclusivo, estable e de calidade, ao tempo que incorpora melloras relevantes na simplificación e axilización administrativa do procedemento, orientadas a facilitar a tramitación das axudas
Ourense, 18 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou esta mañá a Asociación Aixiña, un dos 13 centros especiais de emprego ourensás beneficiarios na orde de axudas do ano 2025, dirixidas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade nestes centros, aos que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou preto de 1,3 M€ para o mantemento de 217 postos de traballo.
Durante a súa estancia no centro, que percibiu unha achega de máis de 700.000 euros para o mantemento do custo salarial de 105 postos de traballo, o delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto o prazo ata o vindeiro 29 de maio dunha nova orde destas axudas dotada con máis de 24,4 M€, para cubrir importes equivalentes entre o 50 % e o 65 % do salario mínimo interprofesional, cun límite máximo de 2,9 M€ por centro solicitante e coa posibilidade de recibir anticipos do 100 % da contía concedida, garantindo así unha maior estabilidade financeira para estas entidades.
Manuel Pardo puxo de relevo o papel esencial dos centros especiais de emprego como ferramenta clave para a inserción laboral das persoas con discapacidade e para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. Así mesmo, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da economía social e co apoio a un modelo que xera emprego de calidade, cohesión social e equilibrio territorial.
Programas da orde do 2026
O representante do Goberno galego sinalou, que ademais desta liña de axudas, a orde recolle outros dous programas de apoio específicos a estes centros. Por unha banda, unha das iniciativas, dotada con preto de 1,6 M€, ten como obxectivo financiar os custos salariais e de Seguridade Social da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio dos centros especiais de emprego. Estes profesionais prestan acompañamento ás persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral.
A outra medida, dotada con máis de 1 M€, ten como finalidade impulsar a creación de emprego estable e reforzar as condicións laborais nos centros especiais de emprego. Para iso, abarca incentivos á contratación indefinida vinculados á realización de investimentos en activo fixo –como o acondicionamento de locais, a adquisición de maquinaria ou equipamentos informáticos— cunha contía base de 10.000 euros por cada posto creado a xornada completa, que poderá incrementarse ata un máximo de 25.000 euros cando a contratación se dirixa a colectivos prioritarios —como mulleres, persoas en risco de exclusión ou emigrantes retornados— ou cando o centro estea situado no medio rural. Ademais, inclúe apoios específicos para a adaptación de postos de traballo e a eliminación de barreiras arquitectónicas, cun límite de 1.800 euros por posto, así como axudas de asistencia técnica destinadas a apoiar a creación, o mantemento ou a mellora da xestión dos centros, cun máximo de 15.000 euros por entidade.
Manuel Pardo enmarcou esta orde na Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, e subliñou que consolida a aposta do Goberno galego por un emprego inclusivo, estable e de calidade, ao tempo que incorpora melloras relevantes na simplificación e axilización administrativa do procedemento, orientadas a facilitar a tramitación das axudas.