A Xunta pon en valor a Medalla de Ouro de Canarias concedida á Casa de Galicia das Palmas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu ao acto oficial do Día de Canarias no que a entidade galega viu recoñecida “décadas de esforzo, solidariedade e amor por Galicia e Canarias”

Sinalou que a Casa de Galicia “soubo manter vivas as raíces galegas ao tempo que se converteu nun exemplo de integración, solidariedade e servizo á comunidade”

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe ao acto institucional do Día de Canarias celebrado nas Palmas de Gran Canaria, no que a Casa de Galicia das Palmas recibiu a Medalla de Ouro de Canarias, unha das máximas distincións que concede o Goberno autonómico.

Miranda felicitou a entidade por este recoñecemento e destacou que se trata dun premio que “pon en valor moitos anos de traballo, esforzo e compromiso coa sociedade canaria”. O secretario xeral sinalou que a Casa de Galicia “soubo manter vivas as raíces galegas ao tempo que se converteu nun exemplo de integración, solidariedade e servizo á comunidade”.

O responsable autonómico lembrou ademais que a entidade desenvolveu ao longo da súa historia unha intensa actividade social e cultural, converténdose nun dos grandes referentes da colectividade galega en Canarias. Miranda quixo tamén destacar especialmente o seu labor solidario, que transcendeu a propia comunidade galega e deixou unha fonda pegada na sociedade canaria.

“Os centros galegos son moito máis que espazos de encontro; son fogares onde se mantén viva a identidade, se transmiten valores e se constrúen pontes entre Galicia e o mundo”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2026