O Outono Gastronómico alcanza a vixésima edición con 20 establecementos de turismo rural adheridos en Lugo

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, lembrou que o programa desenvólvese ata o Nadal e contempla ofertas en menús, estadías ou actividades complementarias

Cervo (Lugo), 23 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia puxo en marcha a vixésima edición do Outono Gastronómico de Turismo Rural, que se desenvolverá ata o 20 de decembro en 71 establecementos galegos. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou hoxe os detalles da iniciativa durante as visitas que realizou ás casas rurais Longarela -en Castroverde- e O Almacén -en Cervo-, dous dos 20 establecementos lucenses adheridos á iniciativa.

O Outono Gastronómico ofrece a prezos moi competitivos distintas propostas: Menú Outono gastronómico -sen aloxamento-, Paquete Outono gastronómico -para estadías dunha noite en venres ou sábado-, Fin de Semana Outono gastronómico -para as dúas noites- e Outono Plus, que engade actividades á programación da fin de semana, como rutas en buggy, sendeirismo ou catas de viño.

A modalidade Outono Plus está dispoñible en 28 establecementos, dos cales 9 se sitúan en Pontevedra, 5 en Lugo, 7 na Coruña e outros tantos en Ourense. A información completa pode consultarse na web de Turismo de Galicia.

Villares destacou que nos 20 anos de traxectoria o Outono Gastronómico supuxo unha rendibilidade económica para o sector do turismo rural en Galicia de máis de 7,3M€ e sumou unha participación total de arredor de 110.000 persoas, contribuíndo a desestacionalizar e descentralizar a oferta.

Neste sentido, subliñou o peso deste segmento no conxunto da actividade turística galega. O pasado ano, o turismo rural en Galicia rexistrou 195.000 viaxeiros e un total de 368.000 noites de estadía, xerando algo máis de 98 millóns de euros.

Ademais, Galicia destaca positivamente polo gasto dos visitantes desta modalidade. O gasto medio diario do turismo rural situouse en 92,3 euros por persoa e día, superando notablemente a media nacional, que é de 65,9 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2026