Como conectarse á rede da Xunta?

Acceso á rede interna

Para traballar accedendo a todas as ferramentas e aplicacións que están dispoñibles dentro da rede interna da Xunta de Galicia, dispón de dúas ferramentas, o acceso mediante o escritorio virtual VDI e o acceso remoto seguro VPN.

Acceso mediante VPN

O acceso remoto seguro (VPN) permitiralle acceder, por exemplo, á intranet corporativa ou a todas aquelas aplicacións que só están dispoñibles dentro da devandita rede. Se, a maiores disto, conecta de forma remota o equipo da casa co seu posto de traballo, iguálanse practicamente as condicións de traballo habituais, dispoñendo de todos os programas, recursos, accesos a cartafoles compartidos, documentos e permisos que usa diariamente no seu posto de traballo.

Para acceder á rede interna siga os seguintes pasos:

  1. Solicite o acceso á rede interna a través dunha VPN. Se dispón dun portátil corporativo, o seu equipo, polo xeral, xa disporá da aplicación de conexión remota corporativa a través do cliente de escritorio Big-IP Edge. En caso de que non sexa así ou faga uso dun equipo persoal propio:
    • Faga a solicitude no portal AxudoT empregando o formulario "Solicitude de alta da VPN persoal " que se atopa dispoñible no menú "Liña de datos e rede > Conexión a rede Xunta dende o exterior > Conexión persoal (VPN)".
    • Despois das correspondentes verificacións, achegaráselle unha mensaxe de correo electrónico coas instrucións que deberá aplicar no seu equipo para dispoñer do servizo.
  2. Configure o equipo de teletraballo. A conexión á VPN é posible mediante un cliente lixeiro, a través do navegador, ou instalando o software Big-IP Edge, ambas opcións dispoñibles desde https://vpnxg.xunta.gal. Se o necesita, tamén pode consultar estes recursos de axuda:
  3. Conecte o equipo da casa á rede corporativa
    • Identifíquese a través da aplicación que descargou no paso anterior mediante un certificado dixital ou co seu usuario e contrasinal da Xunta de Galicia.
    • Unha vez establecida a conexión VPN, poderá acceder a través do navegador á intranet da Xunta de Galicia e ao resto de aplicacións web de xestión dispoñibles na rede interna.
  4. Acceda ao seu equipo do traballo (só en caso de usar un equipo persoal)
    • A través da opción "Conexión a escritorio remoto" do seu equipo persoal, tome o control do ordenador do seu posto de traballo. Poderá usar todos os programas e recursos dos que dispón nel.

Acceso mediante Escritorio Virtual VDI

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ofrécelle ás persoas usuarias da Xunta de Galicia a posibilidade de empregar un novo sistema para desenvolver o seu traballo na modalidade de teletraballo, e que tamén poderán usar cando desenvolvan a súa actividade desde o seu equipo físico da oficina. Este novo sistema coñécese como VDI (das súas siglas en inglés Virtual Desktop Infrastructure).

Con VDI as persoas usuarias poderán acceder as aplicacións corporativas sen necesidade de conectarse previamente mediante VPN e de deixar acendido o seu posto fixo para o acceso mediante escritorio remoto, xa que disporán directamente dun escritorio ou posto de traballo virtual no que poderán traballar igual que no seu equipo físico e con maior optimización dos recursos de rede. 

Vantaxes de empregar VDI

  • Rapidez de acceso: o escritorio virtual estará sempre dispoñible e listo para ser empregado de xeito rápido e sinxelo.
    Para acceder a el, as persoas usuarias poden empregar o cliente de escritorio Citrix Workspace App que estará dispoñibles no portátil ou poderán abrir un navegador e introducir a dirección https://vdi.xunta.gal e identificarse coas súas credenciais corporativas da Xunta de Galicia e co seu certificado.
  • Acceso desde calquera sitio e dispositivo: ademais de dispoñer deste sistema no portátil corporativo, as persoas usuarias poderán conectarse desde outros dispositivos (PC, thinclient, móbil ou tablet) con conexión a internet, dispoñendo dese xeito de acceso ás súas carpetas de ficheiros e ás ferramentas corporativas que precisen para o seu traballo.
  • Acceso seguro: as persoas usuarias poderán empregar as súas credenciais corporativas da Xunta de Galicia mais un segundo elemento que demostre a súa identidade coa máxima seguridade: ben a tarxeta de empregado público (ou algún outro certificado electrónico válido), ben mediante envío de código dun só uso ao móbil (OTP móbil).
  • Escalabilidade inmediata: no caso de precisar de máis recursos no posto de traballo poderase solicitar o aumento directamente a través do CAU. O incremento poderase aplicar de xeito inmediato e sen necesidade de realizar intervencións nos equipos das persoas usuarias.
  • Actualizacións de seguridade e de software uniformes e programadas transparentes para as persoas usuarias.

Documentos

Software dispoñible en VDI

Software base do escritorio virtual de VDI 

É o software que acompaña a calquera posto corporativo, do que a persoa usuaria pode pedir actualización:

  • Antivirus
  • Software lector de tarxetas intelixentes
  • Software de limpeza do sistema de arquivos
  • Navegador preferente (Mozilla Firefox)
  • Navegador adicional (Chrome)
  • Navegador adicional 2 (Internet Explorer)
  • Compresor de ficheiros
  • Lector de PDF
  • Configurador de certificados FNMT
  • Configurador de DNIE
  • Flash Player
  • Java
  • MS Access (Runtime)
  • Visor MS Word
  • Ofimática (LibreOffice)
  • Impresora PDF
  • Xestión de contrasinais
  • Silverlight
  • Notas
  • Acceso remoto
  • Reprodución multimedia
  • Control remoto

 

Software específico do escritorio virtual de VDI 

Software para realizar determinadas tarefas. Deben solicitalo os/as distintos/as usuarios/as coa autorización do/a xefe/a de servizo.

  • PDF24 - Manipulación básica de PDF: xerar PDF, combinar varios PDF nun só, división dun PDF en varios
  • Microsoft Teams - é unha plataforma unificada de comunicación e colaboración que facilita a interacción entre colaboradores
  • Fotos de Microsoft - é un visor e organizador de imaxes, editor fotográfico e aplicación para compartir fotos

 

Software específico por consellería no escritorio virtual de VDI

Software específico de cada consellería para realizar determinadas tarefas

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

  • Xesta
  • Catvis
  • Axenda de Estradas
  • Xeco – Excon
  • Xopa
  • Autodesk DWF Viewer

Preguntas frecuentes

O acceso ás miñas carpetas corporativas está dispoñible no escritorio virtual de VDI?

Dentro do escritorio virtual de VDI estarán dispoñibles todas as carpetas corporativas da persoa usuaria asociadas ao seu posto de traballo (carpeta persoal, carpeta do servizo...).

Poderei empregar os meus certificados (empregado púbico, FNMT...) no escritorio virtual de VDI?

Si, desde o escritorio virtual VDI as persoas usuarias poderán empregar os certificados dixitais do mesmo xeito que se do equipo da oficina se tratase, podendo por exemplo empregalos para asinar documentos ou realizar a fichaxe da xornada laboral en Kronos.

Os documentos que garde no escritorio virtual de VDI estarán dispoñibles e poderei recuperalos?

Si, os documentos cos que se traballe no escritorio virtual de VDI poderanse gardar e estarán dispoñibles para a súa consulta sempre e cando se garden:

  • na carpeta "Os meus documentos",
  • no propio escritorio virtual,
  • na carpeta de "Descargas"
  • ou nas carpetas corporativas da persoa usuaria (persoal, do servizo...).

Fóra das localizacións anteriores, os documentos non estarán dispoñibles.

Se preciso empregar no escritorio virtual VDI unha ferramenta para o meu traballo pero na actualidade non a teño dispoñible nel, como procedo?

Deberá facer unha solicitude indicando a ferramenta que precisa desde o portal Axudot empregando o formulario dispoñible en "Solicitude xenérica" dispoñible no menú "Outros" ou entrando aquí.

Desde o sistema VDI podo acceder ao meu equipo físico da oficina? 

Por defecto non será posible. Lembre que o escritorio virtual vén substituír o uso do seu equipo físico da oficina.

O acceso ao equipo físico da oficina a través da solución VDI só será posible cando por motivos técnicos suficientes sexa estritamente necesario.

Para iso terase que facer unha solicitude e deberá ser validada polo/a responsable da persoa que o solicita.

 

Acceso á rede telefónica

Para empregar o teléfono fixo do seu posto de traballo na Xunta ten dúas opcións: pode desvialo a outro teléfono (xa sexa corporativo ou persoal) para atender as chamadas entrantes ou controlalo desde o seu ordenador persoal para facer e recibir chamadas como se estivese na oficina.

Desvío do teléfono fixo

O desvío do seu teléfono permite que as chamadas telefónicas que entran no teléfono do seu posto de traballo sexan recibidas noutro número, xa sexa fixou ou móbil (corporativo ou persoal). Desta forma poderá recibir chamadas sen ter que atoparse fisicamente na oficina.

Como se configura?

  • Desde a oficina: de atoparse aínda na oficina, vostede ou un/ha compañeiro/a pode configurar o desvío desta forma:
    • Activar desvío: *22#00<nº ao que se quere desviar a chamada>#. Por exemplo, se quere desviar as chamadas ao teléfono 600123456, teclee *22#00600123456#
    • Desactivar desvío: #22#
  • Desde o seu domicilio: pode solicitar o desvío mediante o portal AxudoT ou remitindo correo a cau@xunta.gal indicando: o seu nome completo, a extensión que quere desviar e o teléfono móbil/fixo ao que desviar as chamadas. Nese último caso, para desactivar o desvío deberá igualmente solicitalo ao Centro de Atención a Usuarios (CAU).

Chamadas de teléfono usando o ordenador

A Xunta de Galicia conta cunha aplicación corporativa que permite facer e recibir chamadas desde o ordenador do seu domicilio, conservando o número de teléfono do seu posto habitual.

Para empregar este servizo necesita que o seu ordenador dispoña de micrófono, altofalantes e conexión a internet.

Siga os seguintes pasos:

  1. Solicite o servizo: diríxase ao CAU a través da conta cau@xunta.gal, indicando o seu nome completo, correo electrónico de contacto e extensión sobre a que realizar a xestión. Despois das correspondentes verificacións, o CAU achegaralle nun correo electrónico as instrucións de uso do servizo.
  2. Configure o servizo: acceda a través da ligazón que lle facilitará por correo o CAU, xunto coa correspondente guía de axuda. Non require a instalación de ningún programa.
  3. Comece a usalo: unha vez que teña acceso, cando alguén chame á extensión fixa do posto da oficina a chamada será automaticamente redirixida ao seu ordenador do domicilio e mostrarase na pantalla deste. Poderá contestar a través deste servizo e falar usando o micrófono e os altofalantes. Tamén poderá facer chamadas desde o programa, e os destinatarios verán a chamada realizada desde o teléfono fixo da oficina.