Que necesita para teletraballar?

Para teletraballar é necesario, en todo caso, dispor dun equipo informático con acceso a internet. Pode optar por unha das seguintes modalidades:

Medios tecnolóxicos provistos pola administración

Nesta modalidade a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia substituirá o seu posto fixo actual da oficina por un equipo móbil completo consistente en:

  • Portátil
  • Pantalla externa de 24 pulgadas
  • Teclado e rato externos
  • Replicador de portos que conecta todos os elementos anteriores mediante un único cable

Nesta nova modalidade de posto de traballo, cando desenvolva a súa actividade na oficina, empregará o portátil, que actuará como posto fixo. Os días que teña planificado desenvolver a súa actividade en réxime de teletraballo, deberá desconectar o portátil do posto da oficina e levalo consigo ao seu domicilio, onde será suficiente con que o conecte a Internet para acceder normalmente aos recursos de traballo mediante o uso da solución corporativa de acceso remoto VPN. 

Medios persoais para o teletraballo mobilizados pola persoa empregada pública

Nesta modalidade deberá dispoñer no seu domicilio dun equipo propio e acceder ao seu escritorio de traballo corporativo da oficina mediante o uso da solución corporativa de acceso remoto VPN. O acceso ao escritorio do posto de traballo realizase mediante a Conexión a Escritorio Remoto (no caso do sistema operativo Windows) e é necesario que o equipo da oficina estea acendido.

Nesta modalidade, e durante o propio proceso de conexión á rede corporativa, o novo sistema VPN verificará automaticamente se o seu equipo cumpre cos requirimentos de seguridade mínimos (dispoñer dun antivirus, ter un sistema operativo debidamente actualizado...). Nesta modalidade será vostede a persoa responsable de que o seu equipo dispoña destes elementos de seguridade.

 

 

En calquera das dúas modalidades, adicionalmente precisará dos seguintes medios:

  • Un teléfono de contacto a onde desviar o da oficina ou onde se lle poida localizar. Alternativamente, en caso de dispor dun equipo portátil corporativo, pode empregar a súa extensión telefónica habitual a través da ferramenta de telefonía Micollab.
  • Certificado dixital, se vai asinar documentos ou utilizar un servizo que así o requira. É válido o certificado de empregado público ou outro certificado recoñecido (FNMT…)

Nos distintos apartados desta sección "Teletraballar na Xunta de Galicia" facilítase información sobre como solicitar e como configurar as ferramentas necesarias, así como os principais recursos aos que se pode acceder. 

Coa información dispoñible na páxina "Como conectarse á rede da Xunta?" poderá acceder á intranet corporativa onde atopará información máis ampla no apartado https://intranet.xunta.gal/teletraballo.

Só con dispor de acceso a internet xa pode acceder a moitas das ferramentas básicas de uso cotiá na xornada de traballo ordinario, como é o caso do correo corporativo, o portal do empregado PortaX e o portal de axuda Axudot, así como outras ferramentas transversais ou específicas da súa área de traballo.