A Xunta destina 9 M€ ao desenvolvemento de 235 proxectos que impulsan as enerxías renovables e a eficiencia enerxética

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un total de 5,95M€ a 18 proxectos de eficiencia e impulso das renovables nas universidades galegas

Apoia tamén 109 iniciativas de enerxías renovables térmicas en empresas, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro e 108 proxectos fotovoltaicos

Con estes proxectos, os centros universitarios, os concellos, o tecido empresarial e as entidades sen ánimo de lucro aforran ao ano máis de 1,3M€ na factura eléctrica

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución de tres liñas de axudas no eido das enerxías renovables e da eficiencia enerxética nas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 9M€ para apoiar 235 iniciativas.

En concreto, a Administración autonómica destina 5,95M€ ao conxunto das universidades galegas para o impulso de 18 proxectos -16 de aforro e eficiencia enerxética e 2 de enerxías renovables- que permitirán rebaixar a súa factura eléctrica anual en 640.000 euros. Trátase da resolución da nova liña do Goberno galego para impulsar o uso de enerxías renovables e os proxectos de eficiencia enerxética especificamente nos centros universitarios da Comunidade. As axudas mobilizarán 7,44M€ e permitirán evitar a emisión de 3400 toneladas de CO2. Con esta nova medida, continúase apostando pola implantación dunha cultura do aforro enerxético en todos os eidos: desde os cidadáns, ás empresas, pasando polas administracións. As axudas enmárcanse no Plan de aforro e eficiencia enerxética da administración pública 2015-2020 e está aliñada coas Directrices Enerxéticas de Galicia.

Tamén se publicou a resolución das axudas concedidas na última convocatoria para impulsar proxectos de enerxías renovables térmicas para empresas e autónomos administracións locais e entidades sen ánimo de lucro, cofinanciados con fondos Feder. En total apoiáronse 109 proxectos, a maioría de biomasa pero tamén de aerotermia, xeotérmica e solar térmica. Destináronse 1,53M€ para mobilizar 2,9. Estas iniciativas permiten un aforro anual de 0,3 millóns de euros na factura enerxética, un aforro anual de enerxía de 7500MWh -o que equivale a uns 0,75 millóns de litros de gasóleo- e unha redución de emisións de 2250 toneladas de CO2 ao ano.

Por último, o DOG tamén recolle a resolución das axudas de 2019 para proxectos de enerxía fotovoltaica en empresas, universidades, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro, cofinanciados con fondos Feder. En total, apoiáronse 108 iniciativas que recibiron 1,2M€ e mobilizaron 3M€. As actuacións executadas permiten aforros anuais enerxéticos de 3600MWh e económicos de 0,43M€, ademais dunha redución de emisións de 1300 toneladas de CO2 ao ano.

Imaxes relacionadas