Luis López califica de 'claves para o forte impulso' de Deza e Tabeirós-Montes os 34,7 M€ de investimentos iniciais proxectados pola Xunta para 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa das contas para as bisbarras, que inclúen o Centro Integral de Saúde e a ampliación empresarial de Lalín e o arranque da autovía AG-59, os talleres de madeira no IES Losada Diéguez e os novos xulgados da A Estrada como principais actuacións por riba do millón de euros

“A Xunta é a administración que máis inviste, de longo, nestas comarcas, cunha media de case 550 euros por habitante, e ademais as actuacións deseñadas apostan polas infraestruturas, a sanidade, a educación, as políticas sociais, a empresa e o emprego o agro e os servizos públicos”, manifesta

Lalín (Pontevedra), 25 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 34.695.383 euros para as bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes no proxecto de Orzamentos 2022, segundo informou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que sostén que “este gran esforzo vai ser clave para outorgar un forte impulso de desenvolvemento e progreso e un salto cualitativo dos servizos públicos a toda esta contorna interior do norte da provincia”.

“O punto de partida para Deza e Tabeirós por parte da Xunta xurde do noso compromiso con estas bisbarras e está fixado en case 35 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.

Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, nestas comarcas, cunha media de case 550 euros por habitante, o que non resiste comparación ningunha coas demais administracións, e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos de importancia para a cidadanía, apostando polas infraestruturas viarias, a sanidade, a educación, as políticas sociais, a empresa e o emprego, o agro e os servizos públicos”.

O delegado territorial salientou que as principais actuacións orzamentadas para a zona, todas ellas por riba do millón de euros, son o remate do Centro Integral de Saúde (CIS) e a ampliación do parque empresarial Lalín 2000, na capital dezá, e o comezo da autovía AG-59, os talleres de madeira no IES Losada Diéguez e os novos xulgados da Estrada.

“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, roldan os 25 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan para Deza e Tabeirós outros investimentos en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras educativas, como a renovación das luminarias en ata seis centros, entre outras, mellora e sinalización do Camiño de Santiago, transporte ou dixitalización no ensino ata alcanzar os citados 35 millóns”, significou o delegado, que salientou que os investimentos iniciais que aparecen recollidos nos Orzamentos 2022 “son aqueles que están máis maduros e avanzados administrativamente, pero seguimos traballando polas comarcas con outros proxectos, como a mellora da PO-201 entre Silleda e Laro, o saneamento e o albergue de Rodeiro, os mosteiros de Camanzo, en Cruces, e San Pedro de Vilanova, en Dozón ou unha nova e ampla quenda de melloras nos centros educativos públicos, entre outras”.

 

Principais investimentos 2022 da Xunta en Deza e Tabeirós-Montes

A Estrada

Autovía AG-59

4.000.000
Lalín

Centro Integral de Saúde

7.877.430
Forcarei

Limpeza da ribeira do río Umia

110.000

A Estrada

Abastecemento de Tabeirós e Nigoi

773.001
Lalín

Saneamento e depuración

954.372

A Estrada

Reforma da Residencia da terceira idade

367.800

A Estrada

Construción dos novos xulgados

1.440.416

A Estrada

Melloras na AGASP

228.038
Lalín

Destino Turístico+Camiño+Xacobeo 21-22

962.343
Silleda

Dixitalización da Lonxa Agropecuaria

500.000

A Estrada

Solo empresarial

110.000
Lalín

Solo empresarial

2.417.550
Silleda

Modificación técnica da planta de residuos

300.000

A Estrada

Talleres de madeira para FP

1.544.926

Lalín-A Estrada-Dozón

Catro Obradoiros de Emprego

836.000

Lalín-A Estrada

Grupos de Emerxencias Supramunicipais

2.300.000
Lalín

Taller de Mecanizado para Medio Rural

900.000

A Estrada

Mellora da ponte de Pontevea

300.000