O presidente da Xunta mantivo hoxe en Bruxelas unha xornada de traballo onde se reuniu con distintas autoridades europeas

Feijóo garante en Bruxelas que Galicia seguirá a ser unha das rexións que mellor executa os fondos europeos de acordo coas estratrexias da UE e de forma eficiente

“Hoxe trouxemos á capital europea os temas que lle preocupan a Galicia”, di, trasladando o compromiso de presentar, no primeiro trimestre de 2022, o Plan estratéxico da economía galega 21-30, cos fondos de cohesión e os Next Generation xa incorporados

Valora o interese amosado por coñecer as propostas de Galicia no eido demográfico e a posibilidade de presentalas noutras rexións europeas

Destaca a Axenda de emprego de Galicia que se presentará en xuño de 2022 e que se está a negociar cos sindicatos e empresarios, co obxectivo de sincronizar a oferta coa demanda de postos de traballo

Aborda co vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, a situación que están a vivir algunhas das industrias galegas ante os problemas derivados da abrupta transición enerxética

Bruxelas, 16 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe en Bruxelas que Galicia seguirá a ser unha das rexións que mellor executa os fondos europeos de acordo coas estratexias da Unión Europea e de forma eficiente. Non en van, recordou que no tocante aos fondos de cohesión, a Comunidade ten comprometidos o 100% e desembolsados case o 50% dos mesmos.

“Hoxe trouxemos á capital europea os temas que lle preocupan a Galicia. Falamos dos fondos de cohesión, dos orzamentos 21-27 e dos fondos Next Generation”, dixo, trasladando o compromiso de presentar, no primeiro trimestre do vindeiro ano, o Plan estratéxico da economía galega 21-30, cos fondos de cohesión e os Next Generation xa incorporados.

Durante unha “intensa” xornada de traballo en Bruxelas, onde se reuniu co director xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Marc Lemaître; coa vicepresidenta para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea, Dubravka Šuica; co comisario de Emprego e Dereitos Sociais da Comisión Europea, Nicolas Schmit; e co alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, Feijóo destacou a oportunidade destes encontros para dar a coñecer os avances da Comunidade en materias como o emprego e a demografía.

Así, sobre este último punto, o titular da Xunta referiuse á posta en marcha da lei de demografía galega, ou a iniciativas como a Tarxeta Benvida e a gratuidade das escolas infantís en toda a comunidade para os nenos de 0 a 3 anos. “Valoro o interese por coñecer as nosas propostas neste eido”, dixo, ante a posibilidade de presentalas noutras rexións europeas.

En materia de emprego, Feijóo referiuse á Axenda de emprego de Galicia que se presentará en xuño de 2022 e que se está a negociar cos sindicatos e empresarios, co obxectivo de sincronizar a oferta coa demanda de postos de traballo.

Por último, o presidente do Goberno galego abordou co vicepresidente da Comisión Europea a situación que están a vivir algunhas das industrias galegas ante os problemas derivados da abrupta transición enerxética.

Imaxes relacionadas