A Xunta colabora coa Universidade da Coruña na protección e promoción do patrimonio marítimo galego

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na presentación da web do Plan da Cultura Marítima que recollerá as liñas a seguir para preservar a riqueza marítima de Galicia e do libro Patrimonio Marítimo incluído nun proxecto financiado no marco de O Teu Xacobeo

Alfonso Rueda destacou a importancia de dar a coñecer o patrimonio marítimo vencellado aos camiños do mar a Santiago que axuda a impulsar o turismo dos concellos das rías de Arousa e Muros-Noia

A Coruña, 20 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, coincidiron hoxe en destacar a colaboración da Universidade da Coruña co Goberno galego para protexer e promocionar o patrimonio marítimo de Galicia. Así o expuxeron na presentación hoxe xunto co reitor da universidade coruñesa, Julio Abalde, do Plan da Cultura Marítima Horizonte 2030 e do libro Patrimonio Marítimo, ambos proxectos nos que colaboran a Xunta e a institución académica.

Por unha banda, a Consellería do Mar financia con 200.000 euros o Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030, que permitirá deseñar un plan de accións para protexer o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro. A colaboración tradúcese nunha investigación dirixida polo profesor Óscar Fuertes para definir as liñas de traballo establecendo accións para os vindeiros exercicios. Ao mesmo tempo, crearanse grupos de traballo con expertos vencellados co sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito.

En canto ao libro Patrimonio Marítimo, do Grupo de Investigación en Historia da Arquitectura da universidade, forma parte do proxecto Traslatio: o patrimonio dos Camiños do mar a Santiago, financiado cunha axuda de case 17.000 euros de O Teu Xacobeo. Trátase dunha das 572 iniciativas apoiadas pola Xunta cun investimento de 8 millóns de euros co obxectivo de dar a coñecer a riqueza turística de Galicia neste Xacobeo 21-22, como é o caso do patrimonio marítimo e implicar á cidadanía na celebración do Ano Santo.

Alfonso Rueda destacou a necesidade de dar a coñecer o patrimonio marítimo do litoral galego e, en particular, o vencellado cos camiños do mar a Santiago, e promover o coñecemento dos recursos diferenciadores dos concellos das rías de Arousa e Muros-Noia, como son os vestixios construídos da industria tradicional dos oficios de mar, para seguir avanzando na creación dun destino cultural, capaz de actuar como foco de atracción turística nesta zona.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén incidiu na importancia da colaboración da Universidade da Coruña nas estratexias do Goberno galego para reactivar o turismo galego participando no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro que marcará a folla de ruta do sector nos próximos anos. A Xunta colabora coas tres universidades galegas e o sector neste plan que se sustenta na seguridade, a calidade e a sustentabilidade para dar resposta as demandas dos viaxeiros poscovid. Así, tamén o reforzo este ano da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu á comunidade liderar a recuperación turística 24 puntos por riba da media nacional.

A conselleira do Mar, pola súa banda, salientou que o Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030 é un traballo ambicioso que permitirá definir os compromisos estratéxicos, as liñas políticas e as iniciativas a adoptar para poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia. “Este plan plasma o compromiso irrenunciable do Goberno galego coa cultura marítima como eixo fundamental que lle dá sentido e significación á identidade cultura marítima de Galicia”, expuxo Rosa Quintana.

A titular de Mar tamén incidiu en que o obxectivo é ter un documento vivo, que acolla as contribucións de expertos do sector marítimo-pesqueiro, a xentes do mar, as principais asociacións da cultura marítima e calquera axente da sociedade. Con esa finalidade, a páxina web que se presenta hoxe (https://www.udc.es/planculturamaritima) conta cun apartado no que calquera persoa pode aportar a súa opinión, bagaxe ou experiencia e axudar a preservar mellor o patrimonio e a cultura marítima que ten máis próximos. Por iso, Rosa Quintana animou ao conxunto da cidadanía a participar para chegar a un plan da cultura marítima galega o máis completo posible.

Imaxes relacionadas