A Xunta iniciará antes de que remate o ano obras por 6 M€ en instalacións educativas de Lugo, incluída a rehabilitación integral de tres centros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que nas últimas semanas formalizáronse os contratos para actuar nos IES Ollos Grandes e Ánxel Fole, no CEIP Paradai e para crear unha central de biomasa que dará servizo a varios edificios

Lugo, 9 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia iniciará antes de que finalice o ano obras por 6 millóns de euros en infraestruturas educativas da cidade de Lugo, despois de que nas últimas semanas se formalizaran os correspondentes contratos para levar a cabo as actuacións.


Ao explicou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen apuntou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comezará de xeito inminente as rehabilitacións integrais do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (cun orzamento de 1,5M€ ); Ánxel Fole (por preto de 1,4 M€); e do CEIP Paradai (932.600 euros).


Tamén empezará este ano a construción da central de biomasa que dará servizo ao complexo no que se sitúan os IES Ollos Grandes e Lucus Augusti, o CIFP Politécnico, o colexio Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado. Esta última obra vén de ser contratada por 2,1 M€.


Arias afirmou que a Xunta está a axilizar a tramitación administrativa para iniciar as obras o antes posible e destacou que, de feito, a rehabilitación do IES Ollos Grandes e a creación da central de distribución de enerxía acaban de recibir hoxe mesmo a aprobación da licencia urbanística por parte da xunta de goberno local do Concello de Lugo, xunto con outros dous proxectos nos que tamén está a traballar o Goberno galego coa finalidade de dotar de iluminación ornamental as fachadas dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti.