O presidente da Xunta interveu no acto de recoñecemento a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe como Embaixador de Honra do Camiño de Santiago

Rueda agradece a Vázquez Portomeñe que conducira o Camiño ao seu rexurdimento para engrandecer a Galicia e facer dela unha orixe e un destino universal

Salienta a sabedoría do novo Embaixador do Camiño por facer da ruta unha metáfora da evolución de Europa cara unha maior integración baseada en metas comúns

O homenaxeado, figura clave dos inicios do autogoberno galego, súmase a unha nómina de persoeiros da que forman parte o rei Felipe VI, o rei emérito Juan Carlos I, Mariano Rajoy, Vicente del Bosque e Carlos Herrera, ademais de institucións como o Consello de Europa
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe que conducira o Camiño ao seu rexurdimento para engrandecer a Galicia e facer dela unha orixe e un destino universal. O mandatario, no acto de recoñecemento de Portomeñe como Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, salientou a sabedoría do homenaxeado por facer da ruta unha metáfora da evolución de Europa cara unha maior integración baseada en metas comúns. 

No acto que tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca -ao que acudiu acompañado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e polo de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez-, o titular do Goberno galego puxo en valor as múltiples facianas de Portomoñe, desde o seu papel fundamental nos inicios do autogoberno galego e na redacción do Estatuto de Galicia ata o seu servizo público como conselleiro da Xunta, sen esquecer a súa profesión no eido da avogacía e a súa contribución ás letras como escritor.  

Para Alfonso Rueda, unha das súas maiores contribucións a Galicia será sempre a de “resucitar” o Camiño de Santiago na última etapa do século XX para dalo a coñecer ao mundo enteiro. Como resultado do traballo realizado por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe reforzouse o prestixio do Camiño como itinerario de peregrinación histórico, na estela da súa declaración como primeiro Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa en 1987. Ademais de contribuír á riqueza económica de Galicia, o Xacobeo 93 favoreceu ese mesmo ano a declaración por parte da Unesco do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. 

Con todo, “o Xacobeo atopou a fórmula para chegar ao corazón e á razón de homes e mulleres necesitados dunha espiritualidade que cada quen interpreta e atopa libremente no Camiño -salientou o mandatario galego-. A liberdade, velaí outro selo distintivo do Camiño”. Porque, como se demostrou ao longo das últimas décadas grazas ao impulso que Portomeñe deu ás rutas xacobeas, “o Pórtico da Gloria non exclúe a ninguén”. 

O presidente da Xunta recordou que esta merecida homenaxe ao impulsor do Xacobeo coincide cun dobre Ano Santo con cifras récord tanto no número de peregrinos como no de turistas, con seis millóns de viaxeiros que camiñaron ata a tumba do Apóstolo ou que visitaron a Comunidade nos dez primeiros meses do 2022.  

Nómina de persoeiros

 Co seu nomeamento como Embaixador de Honra do Camiño, Víctor Vázquez Portomeñe súmase a unha nómina de persoeiros que engrandecen aínda máis a súa contribución á Galicia contemporánea e da que forman parte o rei Felipe VI, o rei emérito Juan Carlos I, Mariano Rajoy, Vicente del Bosque e Carlos Herrera, ademais de institucións como o Consello de Europa.

 

Imaxes relacionadas