Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do colexio Castelao de Rianxo por 1 M€

A previsión é licitar as obras no primeiro trimestre do ano e executalas no verán

O principal obxectivo da actuación é mellorar o confort de alumnado e profesorado e a eficiencia enerxética do centro, acadando un aforro do 57% en consumos

Rianxo (A Coruña), 27 de decembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio CEIP Castelao, en Rianxo, onde anunciou que o seu departamento vai licitar no primeiro trimestre de 2023 as obras de rehabilitación integral deste centro. A previsión é que as obras, que contarán cun orzamento de 1 M€, comecen arredor do verán.

 

“O obxectivo da actuación é mellorar as condicións xerais do centro, en especial o  confort do alumnado e profesorado e a eficiencia enerxética”, destacou o conselleiro. Para iso acometerase a reparación das gretas da fachada e a súa impermeabilización mediante sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), así como a reforma da cuberta. Ademais, cambiaranse as carpinterías das fiestras (un total de 111), instalaranse caixas de persianas e instalaranse canlóns e baixantes pluviais.

 

“Estas medidas permitirán acadar un aforro enerxético do 57%”, explicou Román Rodríguez, enmarcando estas obras no obxectivo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de facer os centros máis sustentables desde o punto de vista medioambiental e máis confortables para a comunidade educativa. “De feito, do total de 191 M€ de orzamento do Plan, o 40,5% (77,5 M€) están destinados a actuacións de eficiencia enerxética”, destacou.

 

O Goberno galego está investindo case 3,5 M€ en grandes obras de rehabilitación integral noutros tres centros da comarca do Barbanza, en concreto nos institutos Plurilingüe Fontexería (Muros), no da Pobra do Caramiñal e no colexio Plurilingüe de Frións (Ribeira). Ademais, no verán acometéronse melloras de pequena e mediana envergadura noutra decena de centros da zona, por importe de 150.000 €.