A unión de Caixa Galicia e Caixanova daría lugar á quinta caixa española cunha dimensión suficiente para o novo escenario financeiro
As proxeccións indican que a entidade fusionada melloraría notablemente a solvencia ata acadar o 9% en 2015
Todos os axustes de persoal en Galicia realizaríanse mediante prexubilacións no período 2010-2012
Os custes totais da reestruturación ascenderían a 485 millóns de euros e estarían amortizados no ano 2013
O FROB aproveitaríase para mellorar a eficiencia, realizar sobredotacións de provisións e recapitalizar a entidade
O modelo utilizado está validado polo Banco de España e xa foi empregado noutros procesos de fusión que se están a tramitar na actualidade
Santiago, 20 de xaneiro de 2010.- A auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG avala a solvencia da fusión das caixas galegas, unha operación que daría lugar á quinta caixa española por volume de activos cunha dimensión suficiente para o novo escenario financeiro.
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, que presentou os resultados da due diligence, salientou que a unión de Caixa Galicia e Caixanova é solvente, é a fórmula que garante a galeguidade e está avalada tecnicamente.
Fernández Currás explicou a necesidade de adoptar posicións activas en Galicia ante o redimensionamento do sistema financeiro español, tendo presente que o que onte servía non é válido para mañá e que as perspectivas son unha forte redución do número destas entidades, de 45 a entre 10 e 15, importantes melloras dos niveis de eficiencia e unha forte diminución da rede comercial.
As proxeccións da auditora indican que a entidade fusionada disporía no ano 2015 dunha rendibilidade e eficiencia altas, cunha importante mellora da solvencia en termos de TIER I de dous puntos porcentuais, ata acadar o 9%. O custe total do proceso de reestruturación ascendería a 485 millóns de euros e estaría amortizado no ano 2013.
A cifra que se solicitaría ao FROB rondaría o 2% dos activos ponderados de risco das entidades galegas e o proxecto garantiría a devolución da cantidade no prazo establecido de cinco anos. Aproveitaríase este instrumento para mellorar a eficiencia, realizar sobredotacións de provisións e recapitalizar a entidade.
A fusión galega, a mellor opción para a comunidade
A titular de Facenda explicou que, das posibles alternativas, a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova é a mellor opción para Galicia, pois permite manter nesta comunidade os centros de decisión, mantén a vinculación e a sensibilidade co territorio e garante que o aforro se destine ao financiamento de proxectos en e para Galicia.
A fusión tería un axuste de persoal de 1.296 persoas, pero o 92% faríase mediante prexubilacións, que se levarían a cabo no período 2010-2012, mentres que o restante, que afectaría á rede de expansión fóra de Galicia, serían baixas incentivadas. A redución de oficinas sería de 280.
Fronte á opción da fusión galega, unha unión intercomunitaria suporía a perda do domicilio social, unha menor vinculación con Galicia, unha menor sensibilidade coas necesidades financeiras galegas, un risco de exclusión financeira en concellos rurais de menor rendibilidade (82 concellos só teñen oficina de caixas galegas), e unha perda de emprego por desaparición dos servizos centrais en Galicia.
Un SIP baleiraría de contido as caixas e sería na práctica irreversible
En canto a un Sistema Institucional de Protección (SIP), baleiraría de contido as entidades vinculadas e xeraría menores eficiencias, a perda de decisións nos servicios centrais orixinarios e suporía un cambio efectivo na natureza xurídica das caixas, co risco de bancarización. Ademais, na práctica resultaría un proceso irreversible, implicaría un trasvase de traballadores á nova entidade creada e permitiría tan só competencias residuais e de imaxe.
Desde o pasado mes de decembro o Goberno galego mantivo contactos coas dúas caixas de aforros para coñecer diferentes proxeccións, consultou aos axentes sociais e partidos políticos, realizou análises técnicos internos e propuxo a fusión galega coa condición de que fora viable económica e financeiramente para o que encargou unha due diligence.
Este traballo concluíu que os ratios clave da unión das caixas galegas en canto a solvencia, rendabilidade, eficiencia e nivel de financiamento maiorista obtidos en 2015, despois da devolución das axudas do FROB, corresponderíanse cunha entidade viable. Marta Fernández Currás lembrou que o modelo utilizado está validado polo Banco de España e xa foi empregado noutros procesos de fusión que se están a tramitar na actualidade.
Previamente á presentación da auditoría o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comunicoulle os resultados ao Banco de España e aos partidos políticos, e a conselleira de Facenda fixo o propio coas caixas galegas, cos empresarios e cos sindicatos, tal e como se tiña comprometido.